O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños explicou hoxe en Burela as novidades da normativa
A Consellería do Mar presenta á flota da Mariña lucense o novo decreto de artes e aparellos
Dende a entrada en vigor do decreto publicado no DOG o sector contará cun período transitorio de adaptación de 6 meses
O obxectivo é adaptar a normativa á realidade dos cambios derivados da evolución do sector pesqueiro e marisqueiro e de obter o máximo benestar social dos colectivos implicados ao abeiro da Lei de pesca de Galicia de 2009
A nova normativa contempla entre as súas novidades artes de pesca que ata o de agora non estaban reguladas, como a nasa para a centola, as volantillas, os volantíns e, a raeira. Tamén se autorizan dous novos útiles para o marisqueo a pé, a forquilla e a rañica
O obxectivo deste novo decreto é adaptar a normativa á realidade dos cambios derivados da evolución do sector pesqueiro e marisqueiro e de obter o máximo benestar social dos colectivos implicados ao abeiro da Lei de pesca de Galicia de 2009. O director xeral explicou ao sector da Mariña que os novos aspectos do decreto “contribuirán a mellorar a explotación racional e sostible dos recursos mariños” e recalcou que o documento é froito do diálogo das múltiples xuntanzas” celebradas entre a administración e representantes do sector pesqueiro e marisqueiro acompañados por profesionais coñecedores do manexo de todas as artes.
Novidades
Pablo Fernández lembrou entre as novidades a inclusión de artes que ata o de agora non estaban reguladas como a nasa para a centola, artes de enmalle como as volantillas, os volantíns e a raeira, a rañica ou a gancha a pé, como arte de marisqueo. Ademais, no marisqueo incorpórase de novo a forquilla, que estivo prohibida durante algún tempo, se describe un novo útil denominado rañica ou gancha a pé. Estas inclusións segundo incidiu están avaladas pola execución de plans experimentais que demostraron o seu bo funcionamento e viabilidade.
Coa finalidade de uniformizar o número de artes por embarcación, o documento establece unha clasificación das embarcacións en sete grupos distintos segundo o arqueo. Ademais o director xeral lembrou que o novo decreto permite a posibilidade de faenar no período ordinario de descanso en acontecementos sinalados, compensándoo con xornadas de descanso en días laborables. Outra das posibilidades que ofrece, a diferencia do decreto vixente, é a de manter as artes caladas fóra dos períodos autorizados naqueles casos nos que as condicións meteorolóxicas sexan adversas.
Por outra banda recolle a posibilidade de establecer cotas máximas de captura diaria, nos casos nos que sexa necesario para garantir a sostibilidade da explotación dos recursos e sempre co consenso do sector afectado, recalcou Pablo Fernández. Ademais o decreto unifica as nasas de nécora e camarón, debido a que teñen as mesmas características e a que se empregan indistintamente para a captura de ambas especies.