Nota de prensa
Este sábado, 12 de febreiro presentouse na Casa da Cultura Poeta Manuel María o Entroido de Foz 2011. Para este acto estiveron presentes, o alcalde, José María García Rivera, a nova concelleira, Elsa Otero, a que será coroada raíña do entroido 2011, Sara Alonso, e unha das súas damas, Irene Fernández.
O Alcalde comezou destacando que esta é a XXX edición do Entroido con desfiles, e recordou á primeira comisión, cando media hora antes de comezar o desfile non había ninguén e á hora de saír xuntouse gran cantidade de persoas para algarabía de todos/as.
O pistoletazo de saída do entroido darase o vindeiro sábado, 19 de febreiro, na cea de coroación da raíña, na que a raíña e damas do entroido 2010 cederán o seu trono a Sara Alonso, Irene Fernández e Andrea Fernández. Esta cea, que se celebrará no restaurante Leyton, estará amenizada polo Trío Sesión. Durante a mesma entregarase a revista do Entroido onde comparsas, grupos, … e outras persoas relatan historias sobre o entroido, e onde diferentes empresas colaboran para facer que o entroido de Foz siga no máis alto.
A partir deste mesmo día, 19 de febreiro, e ata o 11 de marzo, a comparsa Sin Xeito ensinará diferentes traxes e complementos nunha exposición que se poderá visitar no Cenima.
O venres, 4 de marzo a partir das 20:45h. na Sala Bahía terá lugar o pregón do entroido e a partir das 21h. no mesmo escenario o humor fará acto de presenza a través do Concurso de Coplas, cada ano con máis participación. Haberá premios nas categorías de individuais-parellas e grupos.
O día grande do entroido, o sábado 5 de marzo, comezará co fogonazo. Durante todo o día a charanga Os Galácticos inundará de espírito de entroido as rúas da vila.
Ás 17h. a raíña e as súas damas encabezarán o Gran Desfile de Entroido, cargado de novas comparsas, grupos,… Sairán do peirao e chegarán ao Campo da Cabana, onde unha chocolatada os/as estará agardando para repoñer forzas e axudarlles a combater o frío.
A partir das 23h. na Sala Bahía o Trío Sesión e Dominó amenizarán o Gran Baile, onde a partir da 1 da madrugada se entregarán os premios do desfile.
O domingo, 6 de marzo, dedica a súa tarde aos/ás máis pequenos, co Baile Infantil, a partir das 17h. na Sala Bahía, amenizado por Diamantes-Chechu e Salva e coa actuación especial de Viravolta Títeres representando O cego dos monifates. A partir das 19:30h. entregaranse os premios infantís do desfile.
Cambiando de escenario, e achegándonos ao bar Ambigú do Centro Social, a partir das 21:30h. a ironía e o sarcasmo chegará da man da Asociación Pomba do Arco, co TOUPORROUTOU.
O luns, 7 de marzo, a partir das 22h. na Sala Bahía celebraremos o tradicional Baile de Entroido, amenizado polos Satélites e Diamantes-Chechu e Salva. Como sempre, realizarase o baile do farolillo, para saber que parella aguanta máis tempo bailando sen que se apague.
O martes, 8 de marzo, os nenos e nenas teñen Baile Infantil, organizado pola Asociación de Amas de Casa Virxe do Carme de Foz. Será a partir das 17h. na Sala Bahía e Diamantes-Chechu e Salva, serán os encargados de poñer a música.
Para finalizar o entroido, celebraremos o venres, 11 de marzo, a Queima do Entroido, saíndo a comitiva ás 23h. do Campo da Cabana para chegar á Sala Bahía, onde a orquestra Ismael amenizará un Gran Baile, que terá entrada gratuíta, co obxectivo de facilitar a todas as persoas o fin de festa, despois dos gastos destas festas.
O Alcalde quixo para finalizar agradecer á Asociación de Amas de Casa Virxe do Carme de Foz, á Asociación Pomba do Arco, á Asociación de Comerciantes (ACIA), Primera Calidad e ás Sin Xeito a súa colaboración, así como á costureira Marisa, á perruquería Isabel López, á maquilladora Zaira, ao deseñador Ramón Otero, as Floristerías La Gardenia e Fabeiro, Xoiería Iria Rodríguez e Almacenes Pura.