PORTA NOVA, RIVAL DA MARIÑA FS NO DEBUT LIGUEIRO (MARTES 15, 16.30)
O conxunto naronés Porta Nova será o primeiro rival da Mariña FS no debut ligueiro do Campionato ‘Todos polo Fútbol’. O equipo da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da comarca comezará mañá esta nova edición da cita organizada dende Feafes-Galicia, a partir das 16.30 horas, no pavillón Monte Castelo.
Un total de 11 conxuntos disputarán a liga ata mediados de xuño. A Mariña FS compartirá o Grupo Norte con Porta Nova, APEM Coruña, APEM Carballo e APEM Cambre; o Sur estará composto por 6 equipos de Ourense e Pontevedra. O Barco de Valdeorras acollerá a final galega entre finais de xuño e principios de xullo.