Por todo iso a esta asociación, pero estou seguro tamén ao conxunto dos veciños desta comarca, dóenos escoitar que case 20 meses despois de superado o prazo máximo legal para facelo, Fomento aínda non ten resoltas as alegacións ao estudo informativo do corredor e, polo tanto, preto de dous anos despois nin tan sequera coñecemos o seu trazado definitivo. Aquí o que menos importa é o partido político responsable desta desfeita, non queremos entrar neste xogo nin en facer máis valoracións sobre o escaso compromiso de Jose Blanco, ao que simplemente lle esiximos é unha solución… Que nos diga xa cando van a licitarse as obras, cando as adxudicará e con que cartos as ten previsto pagar. O corredor ten que deixar de ser un eterno debate de futuro para facerse realidade no presente. E se non son capaces de comprendelo en Fomento serán uns auténticos irresponsables.
Ao igual que o camiñar, que se demostra andando, o compromiso dos gobernos esixe menos declaracións e máis papel oficial, que a resolución das alegacións, as licitacións e adxudicacións aparezan nos boletíns oficiais e as obras comecen de verdade. Creo que xa pasaron demasiados anos e pouco o nada teñen feito, e xa estamos cansos. Uns e outros deben amosar a súa vontade sobre o terreo, e só a través destes feitos os xulgaremos. Cando calquera de nos pasamos polas obras en execución do treito autonómico do corredor en Xove, chega ao noso pensamento que corremos o risco de partir A Mariña en dous: cara Ferrol teremos unha estrada en obras, cara Barreiros aínda non sabemos nin por onde vai ir. Chegou a hora de dicir basta e pedirlle a Fomento que deixe de xogar co futuro de toda esta comarca. Xa pasou demasiado tempo como para que sigan tomándonos por parvos.
José Roda Vázquez
Presidente AAVV Cruz da Venta