Site icon Crónica3.com A Mariña

Palabras para o recordo

PALABRAS PARA O RECORDO

Organizada pola Comisión Parroquial de Santo Estevo do Vicedo, chéganos noticia da exposición que leva por título “Palabras para o Recordo”. Son un conxunto de 16 fotografías do patrimonio documental das parroquias deste concello da Mariña (Cabanas, Río-Barba, Mosende, Negradas, Suegos, San Román e O Vicedo) seleccionadas e complementadas con comentarios divulgativos por Aida López Vale.

Coñezo directamente os contidos da exposición porque recolle os resultados dun traballo de campo realizado conforme á metodoloxía do “Modelo Burela”, que tivo a súa xénese nunha iniciativa didáctica que comezou a súa andadura no Instituto Perdouro; mais tamén a coñezo porque a súa coordinadora accedeu a mostrárnola en primicia para o noso alumnado de Bacharelato. Por iso sei que merece moito a pena visualizar os seus contidos.

As “Palabras para o Recordo” teñen o protagonismo colectivo de medio centenar de persoas repartidas por todo o Concello do Vicedo. Son xente da agricultura, do mar, do comercio ou do funcionariado; xente de todas as idades e condicións. Todo un logro.

Eu síntome especialmente contento ao saber que esta exposición está xa servindo de estímulo para recuperar o legado de dúas persoas moi especiais: Guillermo Carballo Porta e Jesús Fernández Covelo. Ambos homes autodidactas, feitos a si mesmos. O primeiro, emigrante a Cuba aos 12 anos, foi poeta popular seguidor do estilo de Curros Henríquez; o segundo foi comerciante emprendedor que situou os produtos galegos (viños, hortalizas, conservas…) nos grandes restaurantes e nas cadeas de supermercados de Cataluña.

Sei perfectamente que esta exposición é só un aperitivo, porque o traballo de campo realizado por Aida López aínda nos ten reservados outros pratos substanciais e gorentosos. Mentres eses non chegan, vaiamos facendo boca.

Exit mobile version