Site icon Crónica3.com A Mariña

Os laranxas gañaron (7-2) nun partido intenso e vibrante ante Andorra

Nota de prensa

Os laranxas gañan (7-2) nun partido intenso e vibrante ante Andorra

Empezou ben o Burela FS con gol de Minu, no minuto 5, e pouco cabía presaxiar a pelexa que se desatou no remate do primeiro tempo logo do segundo do andaluz (2-0. Minuto 10). Pero os partidos de fútbol sala (e máis cando se xogan en Vista Alegre) teñen iso, que cando menos o esperas vólvense emocionantes e saltan chispas na pista, e fóra dela.

Ía o partido por sendas calmas cando o equipo rival lembrou que sen intensidade non ía sacar un triste puntiño do feudo burelao e empezou a repartir, coa intervención caótica dos árbitros e o conseguinte cabreo de Suso Rey, que case come a un deles cando encaraban xa a caseta. O gol de Aramburu (2-1. Minuto 17) intranquilizara os locais e de paso dáballes alas aos de Andorra.

Coa segunda parte seguiu a intensidade visitante, que tivo resposta inmediata grazas en parte ao esperanzador debut das novas incorporacións: Clebinho e Ique. Os brasileiros deixaron evidencias de que lles falta tempo para integrarse plenamente do conxunto, pero fixeron un grande encontro. O peche marcou un gol brillante no minuto 23 e Ique loitou con insistencia coa defensa rival e tivo un bo balance defensivo.

Pero se houbo un xogador que estivo estratosférico esta tarde foi Christian. Anotou  un tanto importantísimo de falta directa, cando o partido transitaba pola corda frouxa e había certa incerteza na bancada (4-2. Minuto 28), e volveu marcar os tantos decisivos nos minutos finais (6-2 e 7-2, no minuto 34), co Andorra asediando a meta laranxa con porteiro-xogador. Antes, fixo Esteller a cabalgada do século pola banda e empalmou un remate espectacular que aínda está a buscar o meta visitante.

Gran triunfo do CD Burela FS ante un rival directo, que podía complicarlle a vida de xeito preocupante e non obstante saíu de Vista Alegre goleado. Así é o fútbol sala e máis cando se xoga na bomboneira.

Exit mobile version