OS BURELAOS POÑEN EN XOGO TRES VALIOSÍSIMOS PUNTOS NA DIFÍCIL PISTA MURCIANA
Os burelaos terán en xogo tres valiosísimos puntos mañá na difícil pista de ElPozo Ciudad de Murcia. O Palacio dos Deportes da urbe levantina acollerá o duelo directo entre a oitava praza dos locais (38) e a sétima dos laranxas (40), a partir das 17.00 horas.
A táboa estase apertando aos poucos para o Burela FS nas últimas candidaturas de play off. Aínda que sen apenas tropezos, a acumulación de empates, en total 10, cifra que tamén comparte nas vitorias, está freando as ansias de voo do cadro mariñán, que asistiu ao avance do Arcebansa Zamora e BP Andorra nas últimas xornadas ata colocarse quinto e sexto, respectivamente, grazas ao coeficiente xeral.
Esta non se presenta como a mellor cita para conseguir os tres puntos, pero os laranxas terán que tirar de concentración e, sobre todo, de algo que non os está acompañando en exceso nesta tempada, acerto na finalización, para non facer perigar a sétima praza e manter intactas as opcións de escalada. Non o terán nada doado os pupilos de Suso Rey ante o parapeto de ElPozo, cancha na que tan só puido impoñerse o OPDE Ribera Navarra (segundo clasificado), na sexta xornada, e onde unicamente Puertollano (primeiro) e Colegios Arenas Gáldar (cuarto) rabuñaron un puntiño, na cuarta e décima. Os murcianos, que veñen de perder en Navarra (6-5) e Puertollano (7-3), farán valer precisamente a fortaleza local para recuperar a senda da vitoria.
Suso Rey cumprirá o segundo dos tres partidos de sanción impostos polo CNFS por protestar unha decisión arbitral en Ceuta. A única ausencia no vestiario será a do capitán, que, aínda que xa se reincorporou aos adestramentos tras a lesión de xeonllo, non xogará mañá.