Nota de prensa
O VALEDOR DO POBO ADMITE A TRÁMITE A QUEIXA PRESENTADA POLA PLATAFORMA MARIÑÁ EN RELACIÓN AOS INCENTIVOS AO PERSOAL FACULTATIVO NO HOSPITAL DA COSTA
O Valedor investigará o sistema de incentivos utilizado pola Dirección do Hospital de Burela na súa obsesión por rebaixar as elevadas listas de espera
A Mariña, 10 de febreiro de 2011. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña recibiu contestación do Valedor do Pobo con data 17 de xaneiro na que admite a trámite e da apertura a un expediente de investigación en relación ao sistema de incentivos a persoal facultativo utilizado no Hospital da Costa. Dende a Plataforma entenden que se debe poñer “luz e taquígrafos” sobre un asunto que preocupa ao conxunto dos usuarios e usuarias do hospital mariñao xa que “non vale todo” para rebaixar os datos das listas de espera.
Dende o pasado 17 de xaneiro o Valedor investiga os incentivos a facultativos no Hospital da Costa.
A Plataforma Sanitaria na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, agradeceu a resposta do Valedor do Pobo ao admitir a trámite e abrir expediente de investigación sobre os incentivos a facultativos no Hospital da Costa, “e evidente que aquí débese poñer luz e taquígrafos sobre un asunto que preocupa socialmente, moito mais coñecendo a obsesión da dirección do hospital de Burela por rebaixar as listas de espera.” Para a plataforma mariñá “non vale todo para rebaixar estes datos” e en Burela “estase chegando a un grao de sofisticación e enxeñería contábel que raia o absurdo”. Aínda así dende a plataforma “defenderon a profesionalidade do persoal facultativo, mais non podemos ter a mesma confianza na dirección do hospital que trata a calquera prezo de tapar a rebaixa de recursos materiais e humanos do hospital”.
A pesar da manipulación dos datos non hai maneira de que Burela baixe dos primeiros postos do país nas listas de espera.
Dende a plataforma insistiron en que “a pesar dos sofisticados métodos” utilizados pola xerencia do hospital burelao “non dan rebaixado os avultados datos de espera” que en cirurxía sitúanse no primeiro posto e terceiro en consultas do conxunto dos hospitais públicos galegos. Dende a plataforma compararon os datos da media nas listas de espera estrutural de decembro de 2008 cos últimos datos publicados polo SERGAS para o Hospital de Burela e a pesar das peonadas seguen sendo superiores na actualidade en case 12 puntos.
Cando se derivan fondos públicos á xestión privada e se recorta no investimento en Burela hai que poñerse a tremer.
A plataforma fixo fincapé na necesidade de persoal facultativo e maior investimento material no Hospital de Burela, “non será posíbel atender as necesidades da Mariña cando hai fuga de facultativos e rebaixase nun 50% o investimento para o exercizo 2011, mentres as obras que xa tiñan que estar rematadas no 2010, aínda están hoxe en execución”.