Site icon Crónica3.com A Mariña

O Ribadeo FSF perdeu unha boa ocasión de sumar tres puntos ante o Mesón río Ulla (5-6)

Nota de prensa

Ribadeo FSF-Mesón Río Ulla (5-6)

Nun partido máis parecido a Provincial que a Autonómica, o Ribadeo perdeu unha boa ocasión de sumar os tres puntos, cos que podería situarse a cinco do descenso, ante o Mesón Río Ulla, un rival dos máis frouxos que pasaron polo polideportivo ribadense.

A falta de concentración das xogadoras de Martínez nos minutos finais do encontro tirou pola borda o bo traballo de remontada dun marcador que se lles puxo costa arriba no minuto 1, cando o Mesón se adiantou por mediación de María, autora do triplete na cita. Empataron as ribadenses no 5 cun gol fantástico desde 12 metros de María Veiga, que elevou o esférico coa porteira visitante adiantada. Tres minutos máis tarde volveron anotar as de Vedra. A partir deste momento, as mariñás subiron a súa presión, co que Sabela conseguiu o 2-2 (minuto 12). O dominio das locais era esmagador, pero non puido verse reflectido no electrónico ata o último minuto da primeira metade, cando Marta e Fátima marcaron o 3-2 e 4-2, respectivamente.

Como é habitual no Panificadora, no primeiro minuto da segunda metade, as visitantes acurtaron distancias. Logo houbo que esperar ata o minuto 30 para que Fátima materializase o 5-3. O encontro parecía de novo encarrilado para as locais, pero a falta de concentración no último cuarto do partido levou ao precipicio as ribadenses, que presenciaron a escapada dun partido que tiveran controlado en dúas ocasións. O 5-4 chegou no minuto 31 e, a 2 minutos para o final, encaixaron dous novos tantos, un de penalti por man de Sabela dentro da área, que lle supuxo a vermella, e o 5-6 definitivo nunha perda de balón en ataque, seguida dun fallo en defensa. Intentouno o Ribadeo coa porteira-xogadora, estrelándose sen remedio contra un rival pechado en 9 metros que renunciou ao ataque.

A derrota do Carballiño, rival directo para as opcións de permanencia do Panificadora, deixa as ribadenses fóra dos postos de descenso, á espera do que poidan conseguir o vindeiro sábado nos Remedios, ante o Cidade de Ourense (20.00 horas).

Ficha técnica
Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Carla, Eva, Marta (1), María (1) e Fátima (2), cinco inicial; tamén xogaron Iria, Sabela (1), Sofía, Toñi, Elvira, Silvia e Vanessa.
FSF Mesón Río Ulla: Alejandra, Vanesa, Cristina Torre, Cristina Granados, Nerea (1), cinco inicial; tamén xogaron María (3), Natalia (2) e Aroa.
Árbitros: Javier e Antón Menéndez Nistal, da delegación de Lugo.
Tarxetas amarelas: Eva, Marta y María, polo Ribadeo FSF; Aroa e Cristina Granados (dobre), polo FSF Mesón
Tarxetas vermellas: Sabela por parte das locais
Provincial masculina. O Ribadeo cultivou un importante empate (2-2) en Sarria ante correúdo Meigallos, resultado que mantén os mariñáns coas opcións de ascenso. O vindeiro sábado recibirán o Castroverde FS (19.15 horas), penúltimo clasificado.

Exit mobile version