Nota de prensa:
OS SOCIALISTAS ESIXEN QUE SE POÑA EN MARCHA, NO ANO 2011, UN PLAN DIRECTOR PARA AMPLIAR O HOSPITAL DA COSTA E UN PLAN ESPECIFICO PARA A REDUCCIÓN DAS ESPERAS SANITARIAS
– O deputado do PSdeG-PSOE Ismael Rego denuncia que debido a xestión do PP “o hospital da Costa está a sufrir un grave deterioro no seu funcionamento e nos servizos que ofrece aos cidadáns”, ata o punto de chegar a encabezar o ranking das esperas sanitarias de todo o sistema sanitario público de Galicia
Burela , 14 de febreiro de 2011. O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego anunciou hoxe en rolda de prensa que rexistrou unha Proposición na Cámara Autonómica na que reclama que se habiliten os recursos e medidas precisas, para poñer en marcha ao longo do ano 2011 o Plan director e arquitectónico para a ampliación do Hospital da Costa, en liña co recollido no plan funcional elaborado polo anterior Goberno. E tamén solicita, que poña en marcha inmediatamente, un plan específico para a reducción das esperas sanitarias e desprazamentos de doentes a outros centros de referencia.
O deputado do PSdeG-PSOE Ismael Rego lembra, na iniciativa rexistrada, que o Hospital da Costa radicado en Burela dá asistencia sanitaria aos 14 concellos da Mariña lucense cunha poboación superior aos 70.000 habitantes. Sinala que desde a súa posta en servizo, hai xa 25 anos, foise ampliando a carteira de servizos do centro, que fai que no momento actual este Hospital deixase de ser considerado un hospital comarcal dependente dun hospital de referencia, para ser considerado hospital xeral.
Rego explica que ao longo dos dous últimos anos a Consellería de Sanidade do anterior Goberno, e dando cumprimento a un compromiso contraído no Parlamento de Galicia puxo en marcha un estudo sobre: aspectos demográficos da área da costa de Lugo na actualidade e nos escenarios futuros, recursos actuais de atención especializada da zona e necesidades futuras da area, a Carteira de servizos do Hospital da Costa e a Previsión da demanda de atención especializada.
Replica ademais que neste estudo constátase a necesidade de incrementar os recursos asistenciais, especialmente na área ambulatoria e, máis concretamente, na hospitalización de día.
O deputado socialista explica que por mor das conclusións técnicas, nos últimos meses do ano 2008 licitouse a elaboración dun Plan funcional para o centro que foi adxudicado no mes de febreiro de 2009 a unha empresa co compromiso de finalización do dito plan no prazo máximo de tres meses.
Denuncia que debido a xestión do PP “o hospital da Costa está a sufrir un grave deterioro no seu funcionamento e nos servizos que ofrece aos cidadáns”, ata o punto de chegar a encabezar o ranking das esperas sanitarias de todo o sistema sanitario público de Galicia, e volveron os desprazamentos de doentes a outros centros de referencia a máis de 100 km de distancia.
OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE, TRALO 2º ANO DE MANDATO DO GOBERNO FEIJOO, O HOSPITAL DA COSTA, SOPORTA UNHA ESPERA CIRÚRXICA QUE CRECEU UN 60%.
ESPERA CIRÚRXICA A DECEMBRO DE 2010.- Ao igual que no resto de Galicia empeoran os resultados respecto aos datos de decembro de 2008, do Goberno de Touriño. En Galicia pasouse dos 70 días de media de espera en decembro de 2008, aos 75,8 días en decembro de 2010 .
No H. de A Costa persiste o profundo deterioro na atención e a desigualdade no acceso aos servizos, así dende decembro do 2008 a decembro de 2010, incrementouse a espera cirúrxica nun 60%.
Producíndose, nestes dous anos, unha perda de calidade na atención e unha perda de posición no tempo de atención para unha intervención cirúrxica, de 33 puntos, pasando dos 55 día de espera media en decembro de 2008, aos 87,9 en decembro de 2010, é dicir un incremento do 60%.
Non so non foron quen de mellorar os tempos de atención, se non que mesmo os empeoraron nun 60%., mantendo o posto nº 1 no triste ranking de peores indicadores dos 14 hospitais públicos galegos. Todo un éxito!!!
Comparativa co resto de Galicia.- Os datos de peche a decembro de 2010, volven a colocar ao H. de A Costa, como o hospital público de Galicia que presenta o maior indicador de espera para unha intervención cirúrxica, cunha espera media de 87,9 días, fronte a media de Galicia que está en 75,8 días.
Por tanto os pacientes que teñen como referencia este hospital teñen que esperar para unha intervención cirúrxica, 12 días máis que os demais galegos e galegas.
De feito dos 6 servizos cirúrxicos que ofrece, 5 teñen mais espera que a media de Galicia para facer unha intervención cirúrxica.
Sendo otorrinolaringoloxía, quen amosa os peores datos, con 43,2 días máis de espera que a media de Galicia, logo segue Uroloxía, con 22,7 días máis de espera, oftalmoloxía con 19,5 días máis,Xinecoloxía con 15,7 días máis, e Traumatoloxía con 3,4 días máis de espera que a media de Galicia.
Comparativa respecto de decembro do ano 2009.- Non se nota unha melloría, pola contra agora hai máis xente esperando unha intervención que fai un ano, duplicándose no caso de traumatoloxía, pasando de 294 persoas en espera a 429.
A metade dos servizos cirúrxicos, 3, dos 6 que se prestan teñen peores resultados que no ano 2009 con incremento na espera.
Trátase de Otorrinolaringoloxía, que amosa un incremento do 13,5% chegando aos 106,3 días, e Xinecoloxía que se incrementa nun 10% acadando os 86,6 días, e Oftalmoloxía cun incremento do 8,4% no TME para ser intervido cirúrxicamente.
ESPERA EN CONSULTAS A DECEMBRO DE 2010.- A espera media para consultas médicas iniciais, empeorou no conxunto de Galicia respecto aos resultados de decembro do ano 2008.
Así ao cabo de dous anos de goberno do PP, a espera media, non so non diminuíu en Galicia se non que creceu nun punto e medio, pasando de 65 días de espera media no 2008, a 66,4 días en decembro de 2010.
Comparativa co resto de Galicia.- A espera para unha consulta, supera nun punto a media galega, con 67,3 días de espera fronte aos 66,4 días no conxunto de Galicia.
O H. de A Costa é o 3º dos 14 hospitais públicos que con peores resultados no que se refire as esperas para unha consulta inicial.
1/3 das consultas (9 das 23 ) teñen maior espera que a media de Galicia.
Trátase de Medicina Interna que supera a media de Galicia nun 82,7%, Rehabilitación nun 76,7%, Psiquiatría nun 50,7%, Endocrinoloxía nun 50,3%, Cirurxía Xeral e Dixestiva nun 42%, Reumatoloxía nun 41,8%, Dermatoloxía nun 32,6%, Uroloxía nun 23,6% e Neuroloxía nun 14,3%.
Comparativa respecto de decembro do ano 2009.- Empeorou a espera no 44% das consultas, é dicir en 10 dos 23 servizos prestados.
Os peor parados son: Hematoloxía Clínica que incrementou a espera nun 133%, Pediatría nun 79%, Medicina interna nun 70%, Endocrinoloxía nun 59%, Psiquiatría un 26,2%, Nefroloxía un 13,8%, Uroloxía un 9%, Reumatoloxía un 7,8%, Dermatoloxía nun 5,5%, e Cirurxía Xeral e Dixestiva nun 3,6%.
Por outra parte, dicir que o maior número de persoas en espera se concentran en 8 consultas, a saber: Oftalmoloxía, Dermatoloxía, Traumatoloxía, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Uroloxía, Rehabilitación, Psiquiatría e Neuroloxía.