Nota de prensa
Os socialistas de Alfoz aseguran que o retraso das obras da concentración parcelaria é responsabilidade da Xunta
– O Secretario Xeral do PSOE neste municipio afirma que mentres a Deputación rematou os 2,7 quilómetros que lle correspondían nun tempo récord, “a administración autonómica leva dous anos cos traballos parados”
– Polo que se refire á calidade dos materiais empregados, Jorge Val asegura que non darán o mesmo resultado, xa que os treitos arranxados polo organismo provincial levan aglomerado en quente e os da Xunta só rego asfáltico
– Val insta ó Executivo Galego a que “se poña as pilas para rematar as obras canto antes, que levan 2 anos sen facer nada. Que non lle boten a culpa á Deputación porque xa fixo o que lle correspondía e cumpriu coa palabra dada ós veciños”
O Secretario Xeral do PSOE en Alfoz, Jorge Val Díaz, desminte as declaracións da Deputada Popular, Emma Álvarez, sobre as obras de asfaltado que vén de realizar a Deputación de Lugo nas pistas da concentración parcelaria do seu Concello, e que se enmarcan dentro dun convenio de colaboración que asinaron ambas as dúas administracións este ano. Neste senso, Jorge Val recoñece que “ogallá que a Deputación tivese todas as competencias nestas pistas, xa que as obras estarían feitas e mellor rematadas”.
Asimesmo, o Secretario Xeral desta formación política neste municipio sinala que “o acordo fíxose para repartir os treitos que cada un debía mellorar. Mentras que a Xunta de Galicia leva dous anos coas obras paradas, a Deputación actuou coa máxima celeridade. Comezou o pasado xoves a traballar e xa rematou os 2 quilómetros e 700 metros que lle correspondían este martes”.
Ademais, Val destacou que a calidade e durabilidade dos materiais con que cada organismo está a traballar non teñen comparación. “Os treitos da Deputación quedaron rematados con aglomerado en quente, mentres que o goberno autonómico, que comezou este luns, está usando rego asfáltico, polo que estas pistas, en dous meses, volverán a estar cheas de fochancas e en mal estado”.
Por este motivo, o Secretario Xeral do PSOE de Alfoz instou ó Executivo Galego a que “se poña as pilas para rematar canto antes, que levan dous anos sen facer nada. Que non lle boten a culpa á Deputación porque xa fixo o que lle correspondía, cumprindo coa palabra dada ós veciños”