Nota de prensa
O PROXECTO BUXIGANGA AXUDOU A MEDRAR AO TEATRO NA MARIÑA, CON GRAN ÉXITO ENTRE O PÚBLICO E OS GRUPOS TEATRAIS
O delegado de Cultura participou no programa de Radio Valadouro “Parolando” xunto con representantes do teatro mariñao, valorando moi positivamente o programa posto en marcha pola Área de Cultura
A MARIÑA, 26 de febreiro de 2011. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo participou o pasado xoves no programa de Radio Valadouro “Parolando”, xunto con Neves Cando, concelleira de Cultura de Burela, e representantes de grupos de teatro mariñaos: Francisco Piñeiro, do Bordelo (Cervo), Paz Rodríguez, de Ardora (San Cibrao), e o condutor do espazo José Peinó, que forma parte do grupo teatral Raiolas. Os participantes fixeron unha valoración do que supuxo o proxecto Buxiganga na Mariña, e consideraron que o grande éxito acadado nas pasadas edicións se verá reafirmado na próxima, que será presentada proximamente nunha rolda de prensa.
O programa Buxiganga ten o obxectivo de potenciar o teatro en todas as súas vertentes como un elemento de transmisión cultural, ademais de fomentar o emprego do galego e cumprir unha importante función de cohesión e integración social. No transcurso do programa de radio, Antonio Veiga, ademais de agradecer aos convidados e á propia emisora o feito de propiciar un debate sobre o teatro, fixo unha moi positiva valoración do funcionamento de Buxiganga na Mariña, de onde participan os grupos A Adala (Foz), Ardora (San Cibrao), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), O Bordelo (Cervo), Batán (Foz), TeatroCrea (Viveiro), e Raiolas (Alfoz). “É probablemente a comarca onde mellor funciona Buxiganga, as actuacións están sempre cheas de xente, especialmente na zona de Foz e Burela”.
En canto ao público e a afección polo teatro que existe na comarca, Antonio Veiga valorou que “na Mariña hai unha afección moi grande, que enche practicamente todas as actuacións de público”. Explicou que dentro do proxecto se realizan tamén cursos de formación para os propios formadores, como o de pedagoxía teatral que se desenvolveu recentemente no Museo Provincial de Lugo. “As nosas accións formativas resultaron proveitosas en todos os aspectos, tivemos cursos con formadores moi importantes a nivel galego como Fernando Dacosta ou Paloma Lugilde”, comentou Veiga. A maior parte dos cursos completaron o aforo, e supuxeron un punto de encontro entre os grupos moi importante. As novidades de cara á nova edición de Buxiganga e dos cursos que se realizarán, tamén na Mariña, serán detalladas proximamente.
Pola súa banda, Paco Piñeiro afirmou que “Buxiganga é un proxecto moi singular, porque abarca toda a provincia e marca unha gran diferenza, como é que é a administración a que se achega ao teatro, e non o teatro o que ten que achegarse ás administracións. Iso é de aplaudir”. Neves Cando explicou que en Burela existiu desde fai moitos anos a tradición do teatro, e valorou moi positivamente que a Área de Cultura retribúa aos actores o seu traballo.