O PROMETEDOR VALLADOLID CHEGA A VISTA ALEGRE EN TEMPOS BAIXOS (DOMINGO 27, 12.30 HORAS)
O prometedor Valladolid FSF, un dos favoritos da categoría xunto aos intratables Móstoles FSF e Ponte Ourense, chega a Vista Alegre en tempos baixos para disputar o duelo directo da vixésima xornada de Honra. O domingo, a partir das 12.30 horas, o Burela FSF Pescados Rubén saltará á pista para defender a súa actual cuarta praza, a tres puntos da quinta das pucelanas.
A bomboneira acollerá un encontro de traxectorias dispares, entre a regularidade laranxa e o decaemento valisoletano. O que en setembro se postulaba entre os firmes candidatos a loitar polo título viu freada a brillante tempada no final da primeira volta, coa aparición de lesións que desataron unha etapa de resultados en contra, na que xa arrastra cinco derrotas consecutivas (Móstoles 0-6, Ponte Ourense 0-11, La Rioja 4-0, Zaragoza 1-4 e Soto del Real 2-1).
Segundo a información publicada hoxe en El Día de Valladolid, a escuadra pucelana chegará á Mariña moi xusta de efectivos. Ás lesións de Rosángela, Naila e Leti, súmase a marcha de dúas das últimas incorporacións, a porteira Lore e a ala-pivote Carol, ex do CD Campillos. Por se isto non fora pouco, o Valladolid tampouco poderá contar coa última fichaxe, a colombiana Paula Botero, cuxa chegada a España se pospuxo ata marzo por complicacións na documentación.
As filas laranxas tampouco estarán ao cen por cento. Pardeiro non poderá dispoñer de Ro por unha microrrotura fibrilar e a capitá, Claudia, será seria dúbida por unha sobrecarga.