NOTA DE PRENSA
Anunciou que o PSdeG apoiou a proposición do PP por responsabilidade política
OS SOCIALISTAS RECLAMAN A FEIJOO QUE “SE DEIXE DE PROPAGANDA”, E EXECUTE NESTE ANO AS OBRAS DA CONCENTRACIÓN PARCELARIA DE ALFOZ
– A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista Sonia Verdes denunciou que as obras están paradas polo PP, “pero non so en Alfoz, senón en toda Galicia”
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2011. A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista Sonia Verdes interveu hoxe na Comisión 7ª do Parlamento, mediante unha emenda, para que se continúe o proceso de concentración parcelaria de Val de Alfoz no concello de Alfoz ( Lugo), coa suficiente dotación e con cargo aos orzamentos para o ano 2011, co fin de rematar o proceso de concentración á maior brevidade respectando os prazos legais. A iniciativa foi rexeitada polo Partido Popular.
A voceira socialista solicitou, mediante esta emenda, que se executen de xeito urxente as obras de acondicionamento na rede de vías e camiños de concentración parcelaria de Val de Alfoz tal que poidan estar rematadas no primeiro cuadrimestre deste ano.
Na citada emenda tamén reclamou que se proceda á execución da totalidade das obras do Plan de obras da concentración parcelaria de Val de Alfoz, incluíndo todas as obras inherentes á concentración parcelaria, de saneamento de terras e acondicionamento das novas parcelas, e de ser o caso, outras obras anexas, antes do remate deste ano, co fin de proceder á entrega dos títulos de propiedade á maior brevidade posible. E ademais que se resolvan as alegacións formuladas polos propietarios no primeiro trimestre do ano.
Neste asunto dixo Verdes “hai que ir coa verdade por diante”. E denunciou que as obras da concentración parcelaria están paradas polo PP, pero non so en Alfoz, senón en toda Galicia. Replicou que segundo a Lei de concentración parcelaria as obras son competencia da Xunta de Galicia.
A portavoz socialista envíolle unha mensaxe ao PP “si queren algún compromiso cos veciños de Alfoz, ten aquí unha boa ocasión, acepten a nosa emenda para garantir que neste ano rematen as obras na concentración”. Por ultimo pediulle que “no canto de propagandas aplíquese para promover tamén o polígono industrial”, con fin de conquerir a dinamización da comarca, sentenciou.
Así as cousas anunciou que o PSdeG apoiou a proposición do PP por responsabilidade política, xa que non aceptaron a emenda socialista, co fin de garantir o remate destas obras neste mesmo ano.