Nota de prensa
O curso organizado cada ano pola Asociación Interdisciplinar Musicosensorial a favor das Persoas con Necesidades Especiais (AIMPNE) foi declarado de interese sanitario e engloba non só esforzos de músicos e musicoterapeutas senón tamén de profesionais da saúde que colaboran na integración dos rapaces participantes
O PPDEG SOLICITA NO PARLAMENTO AS MEDIDAS OPORTUNAS PARA GARANTIR A ASISTENCIA DOS ESCOLARES CON DISCAPACIDADE AO CURSO INTERNACIONAL DE MÚSICA E MUSICOTERAPIA
o O deputado popular José Manuel Balseiro considera que “é unha necesidade garantir o apoio da Xunta tanto hoxe como no futuro a este curso de gran interese público e social “
Mondoñedo, 25 de febreiro de 2011 .- O PPdeG ven de presentar unha Proposición non de Lei no Parlamento de Galicia na que insta á Xunta de Galicia a adoptar as medidas oportunas para garantir a asistencia dos escolares con discapacidade no Curso Internacional de Música e Musicoterapia que cada ano organiza a Asociación Interdisciplinar Musicosensorial a favor das Persoas con Necesidades Especiais (AIMPNE). Esta iniciativa foi presentada en rolda de prensa polo deputado popular José Manuel Balseiro acompañado da voceira do PPdeG en Mondoñedo Elena Candia e os directivos da AIMPNE Elena López e Manuel Otero.
José Manuel Balseiro resaltou na súa intervención que o Curso, organizado cunha periodicidade anual no municipio de Mondoñedo (Lugo) está dirixido a nenos con necesidades especiais, chegados de múltiples concellos da comarca e de varios países e foi declarado de interese sanitario. Esta actividade engloba non só esforzos de músicos e musicoterapeutas senón tamén de profesionais da saúde que colaboran na integración dos rapaces participantes.
ESTIMULACIÓN E SOCIALIZACIÓN
Na iniciativa popular se destaca que no Curso se combinan obradoiros de musicoterapia con talleres específicos nos que se aplican os efectos beneficiosos e estimulantes da música aos tratamentos de rapaces con diversas minusvalías: síndrome Down, síndrome de Williams, etc e os nenos participan nas clases atopándose nalgúns casos talentos musicais que permanecían ocultos.
Outra das bondades do Curso, indicou José Manuel Balseiro, é a mellora da percepción sensorial das persoas con necesidades especiais e das súas familias grazas as prácticas que desenvolven nos obradoiros nos que participan. Ademais e dado que todas as actividades son conxuntas se fomenta a socialización dos nenos participantes. Neste obxectivo traballan ademais de músicos e musicoterapeutas, tamén profesionais da saúde (como neurólogos e psicólogos) e mestres, asesores legais, profesionais do espectáculo, etc.
Para Balseiro Orol “as administracións públicas teñen a obriga de contribuír ao apoio destas iniciativas, non só porque supoñen un avance significativo en materia de igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, acadando a integración de pleno dereito nas súas respectivas sociedades, senón tamén porque dende a Xunta, moi especialmente, se están a desenvolver accións dirixidas a facilitar as condicións axeitadas para o acceso aos servizos de apoio e estímulo en función das necesidades que presentan estas persoas con disversas disfuncionalidades”.
INICIATIVA DO GRUPO POPULAR
A portavoz popular de Mondoñedo, Elena Candia, indicou que esta iniciativa parte do impulso do Grupo Municipal Popular, que contactou con este obxecto con Jose Manuel Balseiro e que ao longo dos últimos anos ven implicándose nesta actividade por tres razóns: pola a seriedade e profesionalidade dos organizadores e do persoal participante, a importancia dos fins que persegue o Curso e a repercusión económica que ten en Mondoñedo.
Elena Candia indicou o grande compromiso social das persoas que organizan esta actividade, o alto nivel do profesorado e a salientable implicación do voluntariado que traballa na organización e desenvolvemento do curso. Sinalou tamén que esta actividade recoñece despois de cinco anos o traballo desta Asociación nun curso cun crecemento continuado tanto na participación como no nivel.
ESPERAN O APOIO DE TODAS AS FORZAS POLÍTICAS
Finalmente a presidente a AIMPNE sinalou que deste xeito se ofrece un recoñecemento ao Curso de musicoterapia que xa dispoñía a nivel europeo pero que en Galicia aínda estaba por crecer, á vez que quixo facer constar expresamente o agradecemento ás empresas e asociacións colaboradoras. De xeito particular amosou o seu agradecemento a Elena Candia por tutorizar os apoios a esta entidade, a Balseiro por capitanear a iniciativa parlamentaria e as relación coas distintas consellerías e á secretaria xeral de Familia e Benestar que xa amosou o seu interese por este curso, ao igual que as Consellerías de Traballo e Benestar e Cultura.
Os comparecentes esperan contar co apoio de todas as forzas políticas na defensa desta iniciativa de gran relevancia pública e social .