Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide ao goberno do Estado que renegocie as cotas de lirio e outras especies con Europa

Nota de prensa:
Balseiro salienta que perigan máis de 8.000 postos de traballo polo fracaso do Goberno Zapatero no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, onde a nova titular do departamento estatal, a socialista Rosa Aguilar, non estivo á altura na defensa dos intereses da nosa flota

O GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR ESIXE AO GOBERNO DE ESPAÑA A RENEGOCIACIÓN Á ALZA DAS COTAS PESQUEIRAS DE LIRIO E OUTRAS ESPECIES DE INTERESE COMERCIAL PARA A FLOTA GALEGA

* Na iniciativa parlamentaria rexistrada polos populares pídese que de non acadar o pretendido aumento nas cotas de captura, o Ministerio, como administración competente nesta pesquería, estableza unha liña de axudas a armadores e tripulantes destinadas ao mantemento da flota e dos postos de traballo.

* Piden que o Instituto Español de Oceanografía elabore un estudo para determinar a situación real dos caladoiros, toda vez que o propio sector está a recalcar que o nivel real de existencias de recurso son moitos máis amplas do que din os estudos.

* Os populares instan á Xunta a continuar desenvolvendo a mesa de traballo co sector para a busca de solucións complementarias e positivas que redunden na operatividade e sostibilidade da flota e dos empregos e movementos económicos dela derivados.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, presentou hoxe en rolda de prensa unha iniciativa parlamentaria, asinada tamén polo portavoz do Grupo, Manuel Ruiz Rivas, e polo deputado Carlos Negreira, a través da que buscan amosar o apoio incondicional da Cámara galega á flota do noso país, e ao conxunto do sector pesqueiro galego, despois de que o fracaso na negociación do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea traera consigo un “drástico recorte” nas cotas de captura das principais especies de interese comercial para Galicia.

Balseiro Orol indicou como principal exemplo do descrito, a “situación límite” na que se atopa a flota de arrastre galega, pois o recorte da captura do lirio (en castelán bacaladilla) será durante o 2011 dun 93% e pese a iso foi decidido por Bruxelas ante a inacción da ministra española Rosa Aguilar. “Así, o segmento da flota de arrastre verase condenada en pouco tempo a amarrar os barcos e a botar á rúa a moitos mariñeiros”, indicou Balseiro, quen destacou que “falamos dun total de 8.000 persoas entre postos directos e indirectos cuxos empregos perigan hoxe neste sector, pois non esquezamos que se está condenando tamén aos transportistas, estibadores, almacenistas, comerciantes polo miúdo, provedores, e a unha ampla cadena que distribución que se desenvolveu arredor desta especie”

RENEGOCIAR Á ALZA AS COTAS

Os populares demandarán a través desta proposición non de lei que o Goberno de España proceda á renegociación “á alza” dos Totais Admisibles de Captura (TAC) do lirio e doutras especies, “para adaptala á capacidade extractiva da flota galega e á situación real do stock existente no Cantábrico noroeste” e que, despois, se solicite unha excepción para que este aumento se aplique integramente nas zonas VIIIc e IXa (Cantábrico Noroeste e Portugal).

De non facerse efectivo o pretendido incremento das cotas pesqueiras, os populares reclaman unha solución alternativa que pasa porque o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, como administración competente na xestión desta pesquería e na petición e determinación das cotas, estableza unha liña de axudas a armadores e tripulantes, así como calquera outras medidas complementarias que estime oportunas, destinadas ao mantemento da flota e dos postos de traballo que xera a través da cadea de procesado e comercialización.

Os populares pedirán que o Instituto Español de Oceanografía elabore un estudo actualizado sobre a situación dos recursos pesqueiros no Cantábrico noroeste, para coñecer a situación real dos stocks, toda vez que o propio sector está a recalcar que o nivel real de existencias de recurso son moitos máis amplas do que din os estudos. Balseiro sinalou que a idea fundamental é que, ademais de criterios ambientais, tamén se teñan en conta criterios de índole social e económico para o establecemento das cotas pesqueiras.

Finalmente, Balseiro explicou que na súa iniciativa o Grupo Parlamentario Popular pedirá á Cámara que inste á Xunta a continuar co desenvolvemento da mesa de traballo artellada co concurso do sector para a busca de solucións complementarias e positivas que redunden na operatividade e sostibilidade da flota e dos empregos e movementos económicos dela derivados.

O GOBERNO CENTRAL MIRA PARA OUTRO LADO

Balseiro cualificou como “inaudito” que “haxa barcos e mariñeiros galegos dispostos a traballar, que haxa pesca en abundancia e que a Comisión Europea non permita que sigan faenando, mentres o Goberno de España mira para outro lado”. O voceiro de Mar dos populares galegos sinalou que no caso dos recortes do lirio as flotas máis afectadas son as de Ribeira (39 unidades, das cales 24 faenan á parella), A Coruña (8), Celeiro (11, deles 9 en parella), Burela (7, dos cales un faena á parella), Muros (10), Marín (11), e en menor medida Muxía (2), Bueu (2), Corme (1) e Vigo (1).

En todo caso, a renegociación á alza das cotas pesqueiras “non se limita ao lirio, senón que afecta ás principais especies comerciais” que captura a flota galega, pois tamén son escasas as cotas de captura para o xurelo, xarda gallo, rape ou pescada.

ASESORADA POR UNHA COMUNIDADE SEN MAR

Para o deputado, neste fracaso negociador cecais influiu o feito de que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño se negara a ser acompañado e asesorado pola Xunta de Galicia no seo da Delegación Española no Consello de Ministros de Pesca, que preferiu asistir xunto a representantes do Goberno de Estremadura, unha comunidade autónoma sen costa e sen ningún tipo de experiencia no ámbito marítimo. Ademais, considera que “a debilidade internacional de Zapatero e a súa falta de credibilidade pasa factura a España e a Galicia”.

Exit mobile version