Nota de prensa:
Balseiro e Villares presentaron en rolda de prensa esta iniciativa parlamentaria que permitirá a pronta execución daquel proxecto que inclúa os máis modernos modelos construtivos e garanta o máximo respecto ambiental
O GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR INSTA Á XUNTA A ELABORAR “DE XEITO INMEDIATO” OS ESTUDOS TÉCNICOS OPORTUNOS PARA DOTAR A SAN CIPRIÁN DUN PORTO NÁUTICO-DEPORTIVO
* Os populares queren que Portos de Galicia dea un paso máis para facer realidade estas instalacións que contribuirán a completar a infraestrutura promocional e turística do concello e a xerar emprego e riqueza asociado á nova instalación portuaria
* Porase fin así a inxustiza perpetrada polo Goberno bipartito na pasada lexislatura, cando PSOE e BNG decidiron excluír a Cervo da planificación estratéxica sobre novas instalacións náutico deportivas en Galicia
Balseiro e Villares demandan a Portos de Galicia que o futuro proxecto a executar, inclúa “os máis modernos modelos construtivos e garanta o máximo respecto ambiental” á vez que sinalan que estas novas instalacións portuarias “axudarán a completar a infraestructura promocional e turística do Concello e, indirectamente, contribuirán a xerar emprego e riqueza, tanto polo aumento no número de visitantes como polo impacto positivo que este tipo de actividades náutico-recreativas sempre implican”.
O BIPARTITO EXCLUÍA E DISCRIMINABA A CERVO
Balseiro e Villares lembraron que pese ao interese amosado polo Goberno municipal ao respecto, “o anterior Goberno autonómico bipartito, na pasada lexislatura, decidiu excluír á localidade de San Ciprián do Plan Director de Instalacións Náutico Deportivas, borrandoa da planificación estratéxica de novas instalacións promovidas pola Xunta, o que na práctica supoñía impedir que como mínimo ata o 2020, este termo municipal non podería contar cun novo porto deportivo”.
NOVA XUNTA, NOVAS OPORTUNIDADES
Os populares explicaron que foi grazas ao cambio de Goberno cando se recuperou este proxecto e que polo tanto, a derrota do biparito “supuxo unha nova oportunidade para reconsiderar esta decisión tan excluinte e discriminatoria desenvolvida polos anteriores responsables socialistas e nacionalistas”. De feito “PSOE e BNG amosábanse repetidamente como un obstáculo para conquerir este novo porto” a pesar de ser plenamente conscientes de que as instalacións portuarias actuais (nin o peirao pesqueiro, nin o industrial que é unha concesión da multinacional Alcoa) “non están capacitadas para brindar a posibilidade de abrir Cervo a novos usos que puideran complementar as actividades existentes, e que lles permitan inserilos nas novas vías do turismo náutico e na orientación cara ao ocio e a pesca deportiva que si se pretendía desenvolver noutras áreas de Galicia”indicou o deputado popular.
A idea final é que San Ciprián tamén poida ser beneficiario da riqueza e do potencial que supón a posibilidade de dispoñer dunha instalación de atracada e dos programas vinculados ao desenvolvemento do turismo náutico. Balseiro e Villares lembran que o actual presidente do ente público autonómico, Portos de Galicia, e a Consellería do Mar, amosáronse receptivos a que San Ciprián si poida dispoñer dun porto deportivo, e tendo en conta este compromiso, e dentro das competencias de impulso á acción do Goberno salientan a necesidade de avanzar neste ámbito, e o fan co obxecitvo “de axilizar ao máximo o procedemento”.