Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP non entende que o BNG estea nas Deputacións e pida a súa desaparición

Nota de prensa:
O PP convida a Bao a que, “por honestidade e coherencia”, dimita como vicepresidente da Deputación

Lugo, a 1 de febreiro de 2011.- O Partido Popular amosou hoxe a súa “perplexidade” ante as afirmacións realizadas hoxe polo vicepresidente primeiro da Deputación Antón Bao nas que se amosa partidario da desaparición das administracións provinciais.

Para os populares é un “contrasentido” que o BNG forme parte do equipo de goberno da Deputación e ó mesmo tempo avogue pola abolición da institución. Unha contradicción que resulta aínda máis incomprensible se se ten presente que os tres representantes cos que contan os nacionalistas na corporación provincial cobran da Deputación e dous deles, incluido o propio Bao, son vicepresidentes “dunha institución que consideran innecesaria”.

Salientan dende o PP que tanto Bao como María José Vega perciben na súa calidade de vicepresidentes primeiro e terceiro respectivamente 60.000 euros ó ano, a maiores das prerrogativas inherentes ó cargo, como pode ser ter a súa disposición coche oficial; e que o seu voceiro de grupo recibe 52.000 euros pola súa adicación exclusiva a esta tarefa. Engaden, ademais, que teñen a súa disposición nove asesores.

En base a estes datos, dende o PP califican de “hipócrita” o plantexamento defendido por Bao e consideran que o único que denota é que o BNG está na Deputación “única e exclusivamente polo interese económico e persoal dos seus cargos electos pero non para defender os intereses dos lucenses ós que representan”.

Ante esta circunstancia, dende o PP consideran que “o máis honesto e consecuente coas súas ideas” sería que Bao e os seus compañeiros “dimitiran” dos seus cargos na Deputación.

Exit mobile version