Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela indaga sobre a pista de pádel quere saber si os datos que aportou son verdade ou mentira

Nota de prensa

O GMPP: “hai irregularidades na contratación da pista de pádel que constan en dous informes municipais”.

O alcalde tramita a adxudicación das obras sen contar co informe vinculante de Costas.

Os populares aseguran que cando se inicia o expediente non había prórroga concedida pola Deputación para facer as obras en 2011.

O Grupo Municipal do Partido Popular de Burela (GMPP) afirmou hoxe que o proceso de contratación das obras da pista de pádel se está  a levar a cabo con irregularidades que mesmo constan en dous informes dos servicios de intervención e de secretaría do concello burelés. Polo tanto, pedímoslle a Nieves Cando que sexa prudente coas súas manifestacións, porque parece que quen non se entera é ela.

O servicio de secretaría indica que “a parcela sobre a que se vai construir a meritada pista de padel atópase clasificada como solo rústico de protección de Costas… Segundo a Lei de Costas, os usos permitidos na zona de servidume de protección estarán suxeitos á autorización da Administración do Estado, podéndose establecer as condicións que se estimen necesarias para a protección do dominio público. Indicar que con data 4 de xaneiro de 2011 remitiuse á Consellería de Medio Ambiente toda a documentación necesaria para solicitar a meritada autorización, non existindo resposta por parte da Consellería no momento da emisión do presente informe, polo que sería conveniente agardar á indicada autorización antes de proceder á contratación das meritadas obras”. O informe dos servicios de secretaría tén data de 17 de xaneiro.

Pola súa banda, o informe dos servicios de intervención tamén  é clarificador e tampouco deixa lugar a dúbidas. O informe di textualmente: “A presente obra está financiada pola Deputación Provincial de Lugo mediante convenio de colaboración co concello. O citado convenio foi aprobado con data de 30 de decembro de 2010 e aprobada a modificación orzamentaria 35/2010 de xeración de ingresos para incorporar o gasto ó orzamento xeral do ano 2010. Á data da proposta de contratación non está aprobada a liquidación do ano 2010 nin aprobada a modificación de créditos de incorporación de remanentes para gastos con financiación afectada. …o máis adecuado é esperar a facer esta aprobación, porque en caso contrario non existe crédito adecuado e suficiente no orzamento prorrogado (o concello de Burela está funcionando co presuposto prorrogado de 2010 desde o día 1 de xaneiro do presente ano) para aprobar o citado gasto. Ademais o convenio establece … que os gastos subvencionables son aqueles que … se realicen no ano 2010. Con data 28 de decembro de 2010 (¡o mesmo día de sinatura do convenio!)… se enviou unha solicitude de prórroga até o 31 de marzo de 2011…Non consta resolución aceptando a citada solicitude, polo que á data do presente informe debo concluir que non existe crédito adecuado e suficiente para asumir o citado gasto”. Máis adiante, faise constar que “polo anterior informa coas salvedades manifestadas anteriormente e que dan lugar a un reparo desta intervención”. A data do informe dos servicios de intervención tamén é de 17 de xaneiro de 2011.

Polo tanto, cabe concluir que o alcalde tramita a adxudicación dunhas obras para as que é preciso contar con autorización previa da Administración do Estado para a súa realización, autorización que desde Secretaría se entende que debe constar no concello antes de proceder a levar a cabo o proceso de adxudicación pero que non consta cando se inicia o procedemento. Se a autorizacion chegou despois da adxudicación ou durante a súa tramitación, eso non significa que o procedemento deixe de ser irregular. Segue sendo irregular por non ter contado coa autorización antes de iniciar o procedemento.

O mesmo cabe decir do informe de intervención. Non consta no concello a concesión de autorización para a prórroga cando se inicia o expediente. Tanto é así, que desde a Deputación envían un fax o día 19 de xaneiro advertindo de que se envía por correo electrónico a resolución de concesión da prórroga, unha mostra máis da chapuza que se está levando a cabo con esta obra. O certo é que o expediente iníciase, legalmente, sen os fondos precisos para poder levar a cabo a obra.

En definitiva, estamos ante un procedemento plagado de irregularidades e mesmo de ilegalidades, a pesares de todo o que diga o bigoberno burelés, que se empeña en falar da época do PP para tentar desviar a atención. Por certo, decirlles que as obras da  urbanización de Torrentes foron adxudicadas en abril de 2007 por un goberno municipal do PP e tiñan un prazo de execución de un ano: estamos en 2011 e ainda están a medias, o que é un bon exemplo da axilidade do alcalde e do bigoberno burelés. Que non busquen disculpas onde non as hai, porque a paralización xudicial é de xullo do ano pasado, nada máis e nada menos que dous anos despois de que as obras tivesen que estar rematadas. Decir tamén que o goberno municipal do PP pediulle á Xunta bipartita unha prórroga sobre a obra de Eijo Garay, petición de prórroga que consta no expediente da obra e que o alcalde e a tenente de alcalde poden comprobar; pero a Xunta bipartita non lle concedeu tal prórroga ó concello, cando legalmente podía facelo, seguro que polas sempre oscuras e partidistas maniobras de Nieves Cando, sempre pendiente de perxudicar ó PP ainda que tamén perxudique ós veciños e veciñas de Burela.

Por último, o GMPP pediulle ó alcalde e á tenente de alcalde que digan claramente se os datos que aportou na nota de prensa anterior o GMPP sobre o procedemento de contratación das obras da pista de pádel son verdade ou mentira, coa única finalidade de que os veciños e veciñas deste concello estean debidamente informados e para que non haxa naide que tente enganalos ou mentirlles. Se desde o PP nos equivocamos, rectificaremos, pero se é verdade o que nós decimos, agardamos que o alcalde e a tenente de alcalde teñan a dignidade de recoñecer publicamente que temos razón, porque de non ser así teremos que decir que os que enganan ós cidadáns son eles.

Exit mobile version