Site icon Crónica3.com A Mariña

O plan Lugo Emprega e a administración electrónica levan visitas á web da Deputación

Nota de prensa:
O Plan Lugo Emprega e a Administración Electrónica disparan o número de visitas á nova web da Deputación

– No último mes, coincidindo coa posta en marcha de ambas actuacións, rexistráronse 22.600 entradas ó portal, un 32% máis ca en decembro, e 8.400 usuarios

– Trala apertura do prazo de inscrición no programa de inserción laboral, a media de visitas diarias pasou de 17 a 1.400

– A páxina web da Deputación é a máis accesible das dos organismos provinciais de Galicia, segundo a normativa europea que regula a materia

O interese dos lucenses polo Plan Lugo Emprega, que recibiu unha avalancha de solicitudes, e a posta en marcha da Administración Electrónica fixeron que o número de visitas á nova páxina web da Deputación (www.deputacionlugo.org) se disparase neste último mes. Deste xeito, rexistráronse 22.642 visitas en xaneiro, un 32,5% máis ca en decembro, e 8.411 usuarios, o que supón un aumento do 38%.

A apertura do prazo de inscrición no programa de inserción laboral da Deputación, grazas ó que conseguirán traballo 711 desempregados da provincia durante seis meses, supuxo un verdadeiro revulsivo para a páxina web, pois dende entón –a mediados de xaneiro-, de rexistrarse unha media de 17 visitas ó día, pasaron a facelo 1.472 diarias. O volume seguiu aumentando nos primeiros días de febreiro, ata chegar ás 3.010 visitas do día 3, cando empezaron a publicarse as notas da primeira proba do proceso de selección.

O importante salto cuantitativo de visitas coincide asimesmo coa posta en marcha da Administración Electrónica no organismo provincial, que tivo lugar o pasado 3 de xaneiro, e permite ós cidadáns facer inicialmente 12 trámites vía Internet, o que supón un importante aforro de diñeiro e tempo. Nos próximos días activaranse novos procedementos on line, ata chegar ós 68 que a Deputación ten previsto poñer en marcha en total antes de xullo.

Durante pasado mes, a web recibiu visitas de usuarios de 25 países e 127 cidades, que descargaron 37.233 páxinas. A gran maioría, un 98,8%, son españois e, dentro deste grupo, un 45% son da provincia de Lugo, seguidos de Madrid, A Coruña, Santiago e Vigo. En canto ós estranxeiros, os que máis entraron no portal foron internautas dos Países Baixos, que supoñen un 16% do total, Estados Unidos, Reino Unido e Francia.

Aceptación do novo deseño

A aceptación do novo deseño do portal da Deputación queda de manifesto nos resultados da enquisa que estivo colgada na propia web na que se lles preguntaba ós internautas pola súa opinión ó respecto. De tal xeito, a sondaxe revela que ó 80% do case un milleiro de persoas que participou gustoulles o cambio, fronte ó 19% que expresou a súa disconformidade. O 1% restante non se decantou por ningunha das opcións.

A estrea da nova web da Deputación coincidiu coa activación doutros cinco portais temáticos que non existían ata o momento: Cooperación cos Concellos, INLUDES, Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), Granxa Gayoso Castro e centro de innovación social In Lugo. O seu deseño e a posta en marcha da e-Administración son actuacións enmarcadas no programa Innova-TE, promovido polo organismo provincial para implantala Administración Electrónica antes do mes de xullo e financiado nun 70% pola Unión Europea.

Unha páxina accesible
A páxina principal da Deputación destaca ademais polos seus niveis de accesibilidade para persoas con discapacidade sensorial. De feito, é o portal dos organismos provinciais da comunidade galega que mellor cumpre cos estándares fixados nas Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 (WCAG 1.0), unha normativa establecida pola Unión Europea que busca guiar o deseño de páxinas web para que as persoas discapacitadas poidan percibir, entender, navegar e interactuar nos portais, aportando a súa vez contidos. Para medir estes niveis utilízase o Test de Accesibilidade Web (TAW).

Exit mobile version