Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES Perdouro participa no maratón de lectura de Burela

Nota de prensa:
O I.E.S. PERDOURO PARTICIPA NO MARATÓN DE LECTURA EN BURELA

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) do I.E.S. Perdouro, de Burela, colabora no Maratón de Lectura que terá lugar nesa vila o vindeiro martes, 22 de febreiro.

Serán doce horas de lectura continuada, de nove da mañá a nove da noite, no salón de plenos do Concello de Burela, cuxa Delegación de Cultura promove esta novidosa iniciativa de animación á lectura, complementaria ao traballo feito nas aulas. Neste sentido, o ENDL do Perdouro, en nome de toda a comunidade educativa, celebra que o concello da vila se sume a esta actividade que xa se viña celebrando no veciño concello de Foz.

En representación do I.E.S. Perdouro, acudirá en horario lectivo, a media mañá, todo o alumnado de 3º e 4º da ESO. Esta participación iniciarase coa lectura dunha escolma de relato galego contemporáneo, con textos de Concha Blanco, Xabier P. Docampo, Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz, Uxía Casal, Antón Riveiro Coello, Fran Alonso, Suso de Toro e Francisco Castro. A continuación poderanse escoitar fragmentos do libro A nosa cinza, de Xavier Alcalá, autor vinculado á vila mariñá pola súa colaboración con “Armadores de Burela” (ABSA). Ademais, aproveitando a coincidencia dun intercambio educativo entre este instituto e outro francés (Collège Jean Monnet, de Janzé, na Bretaña), un alumno bretón lerá un extracto d´As crónicas do sochantre, novela de Álvaro Cunqueiro na que precisamente se narran as viaxes fantásticas do sochantre de Pontivy polos camiños da Bretaña. Deste xeito, a homenaxe ao gran escritor mindoniense no centenario do seu nacemento serve tamén como saúdo ao irmandamento do concello de Burela coa localidade bretoa de Concarneau.

Pola tarde participará no maratón alumnado de bacharelato e familiares. Ás 20:00 h. unha cidadá de orixe mexicana vai ler a tradución ao galego dun texto breve de Leonardo da Jandra, moi coñecido en México como narrador e ensaísta, cuxas raíces galegas por parte de pai (A Pobra do Caramiñal) poden mesmo rastrexarse na súa obra, concretamente na novela Arousíada (México, 1995), épica da ría de Arousa que inclúe capítulos enteiros en lingua galega.

Exit mobile version