Nota de prensa
O EQUIPO DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO IES MONTE CASTELO SAÚDA E APOIA A CELEBRACIÓN DA MARATÓN DE LECTURA DE BURELA
O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) do I.E.S. Monte Castelo de Burela desexa transmitir ao Concello de Burela a felicitación pola celebración da Maratón de Lectura do próximo 22 de febreiro, unha actividade moi necesaria para incentivar a lectura, moi especialmente entre a poboación escolar.
En representación do I.E.S. Monte Castelo, acudirán en horario lectivo todo o alumnado dos cursos 2º e 4º de ESO. Esta participación iniciarase ás 9:35 coa lectura dunha escolma de relatos escritos por Álvaro Cunqueiro, autor de quen se celebra neste momento o centenario do nacemento. Mozos e mozas de Burela porán, pois, as súas voces para participar nesta festa das “Cen Primaveras” coas que o autor mindoniense tanto soñou.
A delegación do IES Monte Castelo estará coordinada polos integrantes do Seminario de Lingua e Literatura Galegas (Salomé Hermida Rei; Carme Cociña Cociña; Marco Antonio Piñeiro López) e pola responsable da biblioteca, Cecilia Martín Trenor.