Nota de prensa
GALICIA XA DISPÓN DUNHAS REGRAS DE XOGO DEFINIDAS PARA A XESTIÓN TERRITORIAL SUSTENTABLE COA APROBACIÓN DEFINITIVA DAS DIRECTRICES DO TERRITORIO E DO PLAN DO LITORAL, QUE CONTAN CO INFORME FAVORABLE DA ADMINISTRACIÓN CENTRAL
A entrada en vigor de ambos os dous documentos producirase coa súa publicación nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE) no caso das Directrices, e no DOG no caso do Plan do Litoral
O desenvolvemento sustentable é unha prioridade estratéxica de acción de goberno da Xunta de Galicia, xa que o territorio é a base sobre a cal se debe sustentar o crecemento equilibrado da nosa economía e a nosa calidade de vida
As DOT amosan un modelo territorial para toda Galicia no cal, ademais do ámbito urbano e as infraestruturas, o medio rural ten o protagonismo que merece, como soporte e oportunidade para os distintos usos e actividades e como sinal de identidade de Galicia
O modelo recollido nas Directrices de Ordenación do Territorio será desenvolvido a través dos restantes instrumentos de ordenación do territorio e de urbanismo
O POL protexe, ordena e mellora o 100% da superficie litoral ademais de establecer os criterios principais e as normas xerais de aplicación que definen un escenario de maior garantía xurídica de cara a un desenvolvemento sustentable do litoral
O POL dita as pautas para facer correctamente os desenvolvementos posibles cunha análise moito máis global, nunca antes feita en Galicia
O documento coloca a nosa Comunidade á vangarda europea en ordenación do territorio, sendo o plan do litoral máis extenso do Arco Atlántico: ordena e protexe máis de 215.000 hectáreas e identifica 441 unidades de paisaxe
Hai que destacar que o POL establece cautelas sobre 727 ámbitos, que supoñen 9.625 hectáreas. Destes, 467 atópanse na liña dos 500 metros
O Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou hoxe de forma definitiva e mediante decreto os primeiros instrumentos de ordenación territorial con que conta a comunidade galega: as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e o Plan de Ordenación do Litoral (POL).
Trátase de dous documentos fundamentais para acadar unha xestión sustentable do territorio, xa que dotan Galicia por primeira vez das regras de xogo para que tanto as administracións locais como a autonómica, así como os propios cidadáns poidan coñecer o estado do territorio e como levar a cabo as posibles actuacións.
A entrada en vigor de ambos os dous documentos producirase coa súa publicación nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial del Estado (BOE) no caso das Directrices, e no DOG no caso do Plan do Litoral.
Esta aprobación definitiva ten lugar logo da chegada dos informes favorables do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño tanto ás Directrices de Ordenación do Territorio como ao Plan de Ordenación do Litoral.
O desenvolvemento sustentable é unha prioridade estratéxica de acción de goberno da Xunta de Galicia, xa que o territorio é a base sobre a cal se debe sustentar o crecemento equilibrado da nosa economía e a nosa calidade de vida.
No escenario macroeconómico en que nos atopamos, e sendo conscientes desta complexa situación, a Xunta de Galicia aposta por xestionar o territorio con máis eficiencia para acadar o triplo obxectivo de maior calidade de vida, valorización dos recursos e competitividade. A Xunta entende que non basta con protexer prohibindo con carácter xeral, senón que se debe xestionar o territorio para ordenalo e melloralo.
Directrices de Ordenación
As DOT constitúen o primeiro instrumento de ordenación territorial que establece as regras para a implantación dos usos e actividades (servizos, dotacións, actividades produtivas, entre outras) en coherencia coas necesidades sociais, económicas, culturais e ambientais.
Co ánimo de acadar un punto de encontro no pacto polo territorio, estas directrices foron elaboradas a partir dos traballos dos gobernos anteriores. Co paso dado hoxe no Consello de Goberno da Xunta, péchase un proceso que comezou no ano 1995 coa aprobación no Parlamento da Lei de Ordenación do Territorio de Galicia.
O traballo de confección das directrices partiu do coñecemento real do territorio galego coa dispersión como característica principal, aspecto que fai necesario un exercicio de coordinación para poder conxugar as 315 vontades municipais coas diferentes políticas sectoriais.
Así, as DOT amosan un modelo territorial para toda Galicia no cal, ademais do ámbito urbano e as infraestruturas, o medio rural ten o protagonismo que merece, como soporte e oportunidade para os distintos usos e actividades e como sinal de identidade de Galicia.
Tramitación parlamentaria
Como resultado da tramitación parlamentaria levada a cabo o 30 de decembro de 2010 incluíronse no documento das DOT as oito emendas aprobadas para o efecto.
Estas oito propostas afectaban sete determinacións do epígrafe 3, dedicado ao “Desenvolvemento e ordenación dos asentamentos, das áreas empresarias e das actividades produtivas”. Estas emendas achegaron pequenas puntualizacións e matices positivos referentes sobre todo ao medio rural, incidindo aínda máis na necesidade de potenciar e pór en valor os recursos propios dunha forma diversificada, mellorar a competitividade das actividades rurais e prever e minimizar os posibles efectos sobre o contorno das actuacións no medio rural.
Desenvolvemento e aplicación das DOT
O modelo recollido nas Directrices de Ordenación do Territorio será desenvolvido a través do sistema de “planificación en fervenza” a través dos restantes instrumentos de ordenación do territorio e de urbanismo. Deste xeito, hai que ter en conta que as DOT constitúen un auténtico documento marco de todos os demais instrumentos de ordenación do territorio (futuros Plans territoriais integrados -como o POL-, plans sectoriais, proxectos sectoriais e plans de ordenación do medio físico) segundo consta na propia Lei de Ordenación do Territorio de Galicia, así como os de planeamento urbanístico (PXOM e o seu planeamento de desenvolvemento). Estes instrumentos contarán, ademais, coa complementariedade dos instrumentos de protección, xestión e ordenación da paisaxe, como son os catálogos e directrices da paisaxe, que a Xunta abordará durante esta lexislatura. se recolle nas determinacións, estas directrices serán de aplicación a todos os instrumentos de ordenación do territorio e ao planeamento urbanístico, agás aqueles aprobados provisional ou definitivamente no momento da entrada en vigor das DOT.
Plan do Litoral
A aprobación definitiva do Plan de Ordenación do Litoral, pola súa banda, supón un fito histórico na protección efectiva e integral da noso territorio costeiro. O POL protexe, mellora e ordena un ámbito de 215.359 hectáreas, o que equivale ao 7,27% da superficie de Galicia. Deste xeito, o primeiro plan territorial integrado aprobado en Galicia vai moito máis alá dunha prohibición ou permisividade con carácter xeral, xa que fai unha análise exhaustiva do territorio desde un punto de vista ambiental, cultural e ecolóxico co obxectivo de repensar o modelo territorial.
Trátase de analizar o territorio, protexer os elementos de valor e poder dotar as administracións locais das regras de xogo para poder levar a cabo un desenvolvemento sustentable.
O POL dita as pautas para facer os desenvolvementos posibles correctamente ao longo dun territorio moito máis amplo e cunha análise moito máis global, nunca antes feita en Galicia. Deste xeito, este documento coloca a nosa Comunidade á vangarda europea en ordenación do territorio, sendo o plan do litoral máis extenso do Arco Atlántico: ordena e protexe máis de 215.000 hectáreas e identifica 441 unidades de paisaxe.
Hai que ter en conta que o Plan de Ordenación do Litoral protexe, ordena e mellora o 100% da superficie litoral ademais de establecer os criterios principais e normas xerais de aplicación que definen un escenario de maior garantía xurídica de cara a un desenvolvemento sustentable do noso litoral.
O modelo do POL baséase na delimitación de tres áreas de protección (área de protección ambiental, mellora ambiental e paisaxística -MAP- e ordenación litoral) ás cales se lles superpoñen outros elementos de protección (corredores, espazos de interese e a rede de espazos naturais de Galicia). Ademais, realizouse un especial esforzo en caracterizar os tipos de asentamentos que nos encontramos no ámbito litoral -cartografáronse máis de 308.000 construcións-, establecendo a forma en que se pode levar a cabo os diferentes desenvolvementos en función da área do POL en que se atopen.
É importante subliñar que ademais destas proteccións, o POL clarificou o alcance e a aplicación dos usos e elementos para a súa valoración e integración nos desenvolvementos urbanísticos. Esta protección directa dada aos cantís, praias, dunas ou bosques de ribeira supón algo máis do 22% do total da superficie de xestión do ámbito, e pon de manifesto o exhaustivo traballo levado a cabo para que todos os elementos de valor no noso territorio estean protexidos grazas ao POL.
Aplicación
Unha vez que sexa publicado no DOG, o Plan de Ordenación do Litoral entrará en vigor e as súas determinacións serán directamente aplicables e prevalecerán de forma inmediata sobre as do planeamento urbanístico, que terá que adaptarse. Hai que recordar que o POL non é aplicable ao solo urbano consolidado e de núcleo rural. O Plan de Ordenación do Litoral establece un grao de compatibilidade dos solos co seu modelo, que determina o desenvolvemento destes.
· Grao 1: Son plenamente compatibles , e polo tanto poden desenvolverse
· Grao 2. As súas determinacións son adaptables mediante a incorporación dos criterios e normas recollidos no anexo á normativa.
· Grao 3: as súas determinacións considéranse incompatibles, xa que necesitan levar a cabo axustes na súa delimitación e/ou determinacións urbanísticas de carácter xeral ou detallada, para incorporar os principios do Plan de Ordenación do Litoral.
·Grao 4: son aqueles solos cuxo réxime urbanístico é de urbanizable non delimitado, que non iniciaran a súa tramitación por tratarse de ámbitos suxeitos a unha necesaria delimitación previa ao seu desenvolvemento. Será no momento da aprobación do correspondente plan de sectorización cando se verificará o cumprimento dos principios, criterios e normas xerais do POL.
Á vista dos datos hai que destacar que o POL establece cautelas sobre un total de 727 ámbitos, que supoñen 9.635 hectáreas (case o 88% da superficie dos ámbitos de incidencia). Destes ámbitos, 467 atópanse na liña dos 500 metros, que supoñen un total de 6.888 hectáreas, onde o POL achou que os desenvolvementos planeados non están acorde cos seus criterios, na liña dos datos obtidos nas anteriores fases do plan.
Tanto se analizamos as cifras globais para todo o ámbito, como no que atinxe soamente á franxa dos 500 metros, a protección do POL é notablemente superior (un 10% máis de superficie) á existente antes da súa entrada en vigor, o que sen dúbida é un aspecto realmente valioso para a sustentabilidade e coidado do litoral galego.