Nota de prensa
O conselleiro de Educación visitou centros educativos do Concello de Barreiros
* A Consellería investiu no 2010 máis de 20.400 euros en melloras das instalacións e programas educativos dos colexios deste Concello
* Xesús Vázquez Abad achegouse tamén ata o IV Campionato Internacional de Baristas, celebrado no IES de Foz
Ademais, o conselleiro puido comprobar como se están a poñer en práctica nestes colexios os diversos programas educativos innovadores da Consellería de Educación, como as iniciativas de fomento da lectura entre o alumnado, para o que estes centros recibiron un total de 2.300 euros.
Nestas visitas Vázquez Abad estivo acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; polo xefe territorial da Consellería de Educación na provincia, José Jesús Ramos Ledo; e polas comunidades educativas dos dous colexios.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia reuniuse cos equipos directivos, docentes e alumnado dos colexios de San Miguel de Reinante e de San Cosme. Vázquez Abad aproveitou a súa visita para comprobar o resultado das obras no parque infantil do CEIP de San Miguel de Reinante, das que se beneficiaron os 62 alumnos do centro. Estes traballos, que supuxeron un investimento por parte da Consellería de máis de 20.400 euros, incluíron ademais a protección dos piares do pavillón do colexio.
Campionato de Baristas
Tras a súa visita a Barreiros, o conselleiro de Educación e desprazouse ata o IES de Foz, onde se está a celebrar o IV Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería 2011, un acto ao que tamén acudiu a subdirectora de orientación profesional e relacións coas empresas, Mª Eugenia Pérez. Paralelamente, mañá celebrarase neste instituto o III Campionato de Baristas Rexión Noroeste da Asociación Europea de Cafés Especiais SCAE España.
Vázquez Abad, estivo presente no desenvolvemento dos exercicios dos participantes, estudantes dos ciclos de grao medio en Cociña e en Servizos, e de grao superior de Restauración, chegados de centros educativos de toda Galicia. O conselleiro quixo amosar así o seu apoio a este certame, que funciona como incentivo para o alumnado e forma de proxección das ensinanzas de hostalaría. Ademais, o campionato crea arredor do alumnado unha contorna de aprendizaxe rica, motivadora e esixente, co fin de conseguir profesionais de calidade con inquedanzas, concienciado de que é precisa unha formación continua para estar ao día de todas as novidades dun sector en constante evolución como é o hostaleiro.
Concurso internacional
Cómpre lembrar ademais que este ano, ademais das comunidades limítrofes de Asturias e Cantabria, o concurso internacionalízase coa participación de Escolas de Hostalería de Portugal. Así, os participantes chegaron dos IES Paseo das Pontes, Fraga do Eume e CIFP Compostela e Escola de Hostalería da Graña (ESENGRA), da provincia da Coruña; os IES de Foz e de Sanxillao, da de Lugo; do IES de Villamarín, na provincia de Ourense; do instituto Peñacastillo, de Santander; do IES de Pravia, en Asturias; e da Escola de Hostalería e Turismo de Viana do Castelo, en Portugal.
Deste xeito, estes campionatos serven para fomentar as relación entre alumnos e profesores dos distintos centros educativos das tres rexións onde se imparten ciclos de FP da familia profesional de Hostalería e Turismo; así como coa comunidade educativa das devanditas escolas portuguesas.
Técnica e creatividade
Os participantes desenvolveron exercicios relacionados coa profesión de barista, especialista na preparación de bebidas a base de expresso – no que atinxe á mestura exacta da presión da auga, temperatura e dose do café- e a creación de bebidas baseadas no café utilizando diferentes tipos de leire, esencias e licores. Estes profesionais ocúpanse ademais do ‘arte do latte’, que consiste en crear deseños, xa sexa co fluxo do leite desde un xarro, ou debuxando cunha especie de punzón enriba da espuma.
Así en 15 minutos os estudantes tiveron que preparar catro Expressos, catro Capuccinos Arte –expresso ao que se lle engade leite emulsionado-; e catro Bebidas Fantasía sen alcol, de creación propia, ás que puideron engadir os ingredientes adicionais desexados. Para iso puideron apoiarse en menaxe diverso, así como en música ao ritmo das que desenrolar os seus exercicios. Os baristas participantes, foron xulgados en aspectos técnicos e creativos por sete xuíces homologados, dous deles técnicos, catro sensoriais e un coordinador, en base ás normas do Campionato Internacional SCAE.
No marco deste certame houbo ademais unha demostración de Latte Art a cargo do considerado como o mellor barista mundial, o italiano Luigi Lupi; o que supón un incentivo e un exemplo para o alumnado.