Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo valora positivamente o desenvolvemento do programa de compostaxe doméstica

Nota de prensa:
A DELEGACIÓN DE MEDIO AMBIENTE VALORA POSITIVAMENTE O DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA POSTO EN MARCHA EN XUÑO PASADO

o Despois de oito meses os veciños participantes nesta iniciativa piloto organizada polo Concello e Sogama comezan a acadar os primeiros resultados

Cervo, 17 de febreiro de 2011.- A concelleira de Medio Ambiente, Pilar Armada, cualificou está mañá de “moi esperanzadores” os resultados acadados ata o momento no programa de compostaxe doméstica posto en marcha polo Concello de Cervo en colaboración con Sogama en xuño do pasado ano. “Despois destes oito meses os veciños que participan no programa están comezando a ver os resultados, e polo que nos teñen comentado, están sendo moi satisfactorios” sinalou a edil cervense

Armada agradeceu o interese amosado pola trintena de veciños do municipio que se adheriron a este programa e recordou que técnicos municipais do Concello fan periodicamente un seguimento para comprobar o proceso en cada unidade familiar, solucionar dúbidas e corrixir posibles malas prácticas.

Chamamento a máis incorporacións

Ao fío disto, a edil de Medio Ambiente sinalou que o Concello mantén aberta a posibilidade de que se poidan adherir máis veciños interesados nesta iniciativa e convidounos a participar nela. “Con este método conséguese que as vivendas unifamiliares ou as que dispoñan de xardín propio, podan conseguir transformar a materia orgánica en abono e ao mesmo, tempo reducir nun 50% as cantidades de lixo que depositan habitualmente nos colectores convencionais. Algo que redundará en beneficio de todos, porque posibilitará a diminución dos residuos que depositamos diariamente en Sogama, e por conseguinte, suporá tamén un menor importe das facturas que emite esta empresa ás arcas municipais” dixo Armada. Os interesados en incorporarse ao programa de compostaxe doméstica deben dirixirse á Casa do Concello, onde se lles informará de todos os detalles do mesmo.

O Concello de Cervo procedeu en xuño do ano pasado a distribuír de xeito gratuíto uns 30 composteiros domésticos entre os veciños do municipio que decidiron participar nesta iniciativa piloto posta en marcha en colaboración con Sogama. Esta distribución de composteiros estivo precedida dunha campaña divulgativa para dar a coñecer este programa piloto de reciclaxe doméstica.

Exit mobile version