Nota de prensa:
O CONCELLO SÚMASE AO APAGÓN XERAL CONVOCADO PARA ESTA NOITE COMO MEDIDA DE PROTESTA CONTRA A SUBA DAS TARIFAS ELÉCTRICAS
o O alcalde anunciou o corte no fluído eléctrico de varios tramos dos alumeados de Cervo e San Ciprián durante cinco minutos
Cervo, 15 de febreiro de 2011.- O Concello de Cervo apoia o apagón xeral de electricidade nos fogares do Estado durante cinco minutos convocado para hoxe, 15 de febreiro, Día do Consumidor, ás 22.00 horas, contra a subida abusiva das tarifas de la luz.
O alcalde, Alfonso Villares, anunciou que o consistorio secundará esta noite devandita mobilización mediante o apagado durante cinco minutos (de 22.00h. a 22.05h.) do alumeado público en varios tramos dos núcleos de Cervo e San Ciprián. O rexedor fixo un chamamento á cidadanía para que participen neste acto de protesta organizado por diversos colectivos veciñais de todo o Estado.
315.000 euros ó ano
O alcalde argumentou esta decisión do equipo de Goberno local dando a coñecer o gasto que supón para as arcas municipais estas subas desmedidas impostas unilateramente polo Goberno do Estado nos últimos 48 meses. “Pasamos de ter un gasto no 2008 de 248.000 euros a ter que afrontar no 2010 o pago de aproximadamente 315.000 euros. Ou o que é o mesmo: 67.000 euros de suba no subministro enerxético en dous anos que teñen que pagar todos os veciños de Cervo mediante os seus impostos. E non porque haxa máis puntos de luz, se non máis ben todo o contrario; porque dende o Concello levamos traballando arreo para diminuír o consumo enerxético mediante a substitución dos vellos alumeados por outros de baixo consumo” indicou Villares.
Villares Bermúdez asegurou que estas cifras eran “suficientemente esclarecedoras” das dificultades económicas que teñen que afrontar actualmente os veciños e as pequenas Administracións, e recalcou que a esta suba hai tamén que engadirlle o recorte na aportación de recursos económicos por parte do Goberno central á Facenda municipal. “Esta é a realidade que temos hoxe en día e queremos que a coñezan todos os veciños e veciñas do Concello de Cervo. Por iso, instamos ao Goberno do Estado a que deixe de subir o recibo da luz e conxele o seu prezo de forma urxente; xa que este ben de primeira necesidade aféctanos directamente a toda a poboación, vai en detrimento da competitividade das nosas empresas e coarta ás nosas expectativas de creación de emprego”.