Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo reúnese con técnicos de Fomento para coordinar as obras da N-642

Nota de prensa:

O CONCELLO QUERE QUE AS POSIBLES PRESAS QUE POIDA HABER AGORA NO REINICIO DAS OBRAS DA N-642 NON REPERCUTAN NUNHA MALA EXECUCIÓN DAS MESMAS

o O alcalde reuniuse con responsables de Fomento para pedirlles que a empresa encargada das obras se coordine cos técnicos do Concello e dese xeito que os traballos non afecten ás infraestruturas das redes de servizo municipais como saneamentos e subministro de auga

Cervo, 14 de febreiro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, reuniuse con técnicos do Ministerio de Fomento e cos encargados da empresa que está a levar a cabo as obras de mellora da estrada N-642 ó seu paso polo termino municipal. O obxecto desta entrevista (na que tamén estiveron presentes técnicos municipais de Urbanismo e da rede de abastecemento de augas, saneamento e da rede eléctrica) tivo por obxecto que este reinicio dos traballos na estrada nacional non repercuta nas redes de subministro municipal (auga, saneamento, luz, etc…) nin tampouco nas propiedades privadas dos veciños que teñen as súas vivendas e fincas ao longo do traxecto afectado polas obras.

“Despois de estar practicamente paralizadas durante un período de tempo considerable -feito este que xa denunciamos diante de Fomento en varias ocasións- os traballos por fin se reanudaron a pasada semana. Agora, o que queremos é que as posibles presas que poidan ter os responsables de Fomento en rematar esta actuación non repercutan nunha mala execución das obras, sobre todo tendo en conta que ao longo do tramo en remodelación hai distintos servizos municipais afectados. Por iso quixemos forzar dende o Concello esta reunión para que os técnicos e responsables de Fomento estean en contacto cos técnicos municipais e conseguir así unha boa execución destes traballos” recalcou o rexedor cervense.

Ao fío disto Villares tamén aproveitou a presencia no Concello dos responsables de Fomento para exporlles algunha das reclamación feitas polos veciños diante do Concello. “Concretamente pedímoslles a construción dunha escollera para suxeitar o terreo dunha finca privada que se ve afectada por estas obras e que pode correr o risco de derrubarse se non se acomete esta actuación” indicou. Por último, o alcalde desexou que a mellora da estrada Nacional 642 estea rematada “canto antes, polo ben de todas as persoas que circulan por ela”.

Tres anos de obras en menos de tres quilómetros

O alcalde de Cervo lembrou que esta actuación de mellora do tramo da estrada nacional que vai dende Figueirido ata Río Cobo foi unha vella reclamación do Concello ao Ministerio e Fomento, xa que nel se acumulan varios puntos negros de circulación. ”Por este motivo, dende o Concello fixeramos unha reclamación no seu momento a Fomento para que se acometera unha mellora da seguridade desta vía” indicou Villares.

As obras de mellora da estrada N-642 afectan aproximadamente a un tramo de 3 quilómetros aproximadamente e os traballos foron adxudicados o 2 de xullo de 2007 cun orzamento de 2,5 millóns de euros. A súa prolongación no tempo trouxo aparellado diversas queixas por parte do Goberno local, dos veciños afectados e dos usuarios da estrada; o que se traduciu hai varios meses na petición formal do Concello ao Ministerio de Fomento para que se axilizaran os traballos.

Exit mobile version