Nota de prensa:
REMATAN AS OBRAS DE REXENERACIÓN DOS ACCESOS Á PRAIA DE RUETA
* O alcalde, Alfonso Villares, e o responsable de Costas comprobaron hoxe os resultados desta actuación que foi solicitada polo gobernante local á visita
* O rexedor local solicitou esta actuación á daquela ministra Elena Espinosa, durante unha visita ao concello para comprobar os estragos das choivas torrenciais de xuño do pasado ano
* Os traballos consistiron na mellora dos accesos e na construción dunha escollera de pe de 65 metros de longo por 8 de altura
Cervo, 2 de febreiro de 2011.- O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o xefe provincial da Dirección Xeral de Sostenibilidad da Costa e do Mar do Minsiterio de Medio Ambiente, José Miguel Estevan Dols, comprobaron o resultado da obra de restablecemento e mellora dos accesos ao areal de Rueta, os cales permanecían seriamente danados e en situación precaria dende as choivas ocorridas a principios do pasado mes de xuño.
O rexedor lembrou que esta actuación fora unha das máis demandadas polo Goberno local aos representantes estatais tralo paso do fenómeno meteorolóxico que estragou varias infraestruturas neste concello. “O arranxo dos accesos a Rueta foi unha daquelas actuacións urxentes que lle solicitamos á ministra cando veu por aquí a mediados de xullo pasado para comprobar os estragos das choivas” indicou Villares; quen recordou que o estado no que se atopaba este areal “imposibilitaba enormemente o acceso aos usuarios e veciños que normalmente fan uso dela”.
As obras deron comezo o pasado mes de setembro e consistiron na ampliación do ancho dunha parte dos actuais accesos, para despois levar a cabo unha escollera de pe duns 65 metros lineais e unha altura media de 8 metros.
Ademais de comprobar o resultado das obras, o rexedor aproveitou a presencia do xefe provincial de Costas para solicitarlle unhas modificacións puntuais para mellorar esta actuación. “Concretamente fíxenlle saber [ao xefe de Costas] que sería beneficioso facer unha leve ampliación na parte final dos accesos rodados, para facilitar deste xeito o xiro aos vehículos que aquí se achegan” indicou.
Villares agradeceu ao representante provincial do Ministerio de Medio Ambiente estes traballos de emerxencia e recalcou que, a maiores desta actuación urxente, a praia de Rueta segue precisando mais investimentos estatais. “Estes traballos non cobren as necesidades que esta praia require e disto son coñecedores os responsables da administración estatal. Por iso, espero que en próximos presupostos podan incluír obras de investimentos programados para este areal emblemático do noso municipio; e non so adicarlle partidas puntuais de emerxencia” .