Nota de prensa:
O DESEÑO PRESENTADO POR MARÍA CHAO, SARA TEIXEIRA E SILVIA ARNAUT FOI ELEXIDO COMO O CARTEL GAÑADOR PARA O ANTROIDO DESTE 2011 EN BURELA.
Burela, 15 de febreiro de 2011. O deseño presentado por María Chao, Sara Teixeira e Silvia Arnaut foi elexido como o cartel gañador para o antroido deste 2011 en Burela. Ao certame convocado polo Concello presentáronse 33 traballos e 143 persoas participaron na votación popular realizada na Casa da Cultura durante a semana na que estiveron expostos ditos deseños.
A concelleira de Cultura, Neves Cando, dixo que “o cartel do antroido de Burela deste ano foi escollido en votación popular entre todos os presentados ao concurso. Esta idea e outras que terán lugar neste antroido forman parte da colaboración entre esta Delegación de Cultura e un proxecto sociolóxico desenvolvido polo alumno de educación social Bruno Faustino Durán, que a plantexou dentro do prácticum que está levando a cabo no Concello”.
A edil nacionalista sinalou que “o primeiro paso para o deseño do cartel deste ano foi convocar un concurso ao que se presentaron 33 deseños. Durante unha semana foron expostos na Casa da Cultura para que, por medio dunha votación popular, fose escollido para cartel oficial o máis votado pola xente de Burela. O resultado da votación, que fixemos onte e na que participaron 143 persoas, deu como cartel gañador e oficial o presentado conxuntamente por María Chao Deán, Sara Teixeira López e Silvia Gabriela Arnaut. Felicitamos ás gañadoras e próximamente presentaremos os actos do antroido con este cartel gañador desta iniciativa, que valoramos moi positivamente”.