Nota de prensa:
O BURELA FS VISITA A DÉCIMO TERCEIRA PRAZA EN CEUTA
O Burela FS visitará mañá a décimo terceira praza de Prata en Ceuta, ante un rival ao que, polo momento, 2011 non lle está sentando nada ben. A partir das 18.00 horas, o Unión África Ceutí recibirá os laranxas no Guillermo Molina Ríos con ansias de puntos, despois dun duro comezo de ano, no que tan só conseguiu subir 1 punto á súa cuadrícula en catro encontros.
Dende a sexta praza, o cadro burelista non debe confiarse pola diferenza na táboa. Os ceutís, que veñen de reforzarse co peche segoviano Chamo, do Melilla FS, e co porteiro gaditano Juanlu, xa demostraron a súa garra en Vista Alegre conseguindo o empate (3-3) no último segundo.
Nesta carreira de fondo, os burelaos (38) precisan os tres puntos para consolidarse en postos de play off. Teñen que aproveitar o descanso do seu rival máis directo, ElPozo Ciudad de Murcia (38), na vixésimo cuarta xornada para subir á quinta praza e manter as distancias ante o premente asedio do Arcebansa Zamora (37), que viaxa a Lanzarote (noveno), e o BP Andorra (36), que recibe o Albacete 2010 (décimo sexto).
Próxima xornada. O cadro laranxa disputará a vixésimo quinta cita de Prata o martes 15 de febreiro, sen apenas descanso, ante o Restaurante Frontera Tobarra. Será en Vista Alegre, ás 21.00 horas.