Nota de prensa
O BURELA FS RECIBE O ANDORRA, EN DUELO DIRECTO, CON CARAS NOVAS
O Burela FS recibe mañá o BP Andorra coas últimas incorporacións laranxas na convocatoria, nun duelo entre a sexta praza dos pirenaicos e a sétima dos mariñáns e un só punto de diferenza. Coa aparición de Clebinho e Ique, Suso Rey intentará suplir a ausencia do capitán, Juanma, que evoluciona favorablemente da súa lesión de xeonllo; tampouco participará na cita de Vista Alegre (18.30 horas) Manu, inmerso na final do Nacional Sub-19 con Galicia en Segovia.
O conxunto pirenaico é un rival forte a domicilio; dos 9 encontros que leva disputados como visitante, fíxose con 5 vitorias (Melilla 2-5, Jaén 3-7, Tobarra 2-3, Cáceres 2016 0-6, Eivissa 6-7) e 1 empate (Puertollano 4-4), 16 puntos dun total de 27. Ademais, chegará á Mariña nun bo momento, tras o triunfo ante o segundo, OPDE Ribera Navarra (5-3). O enfrontamento da primeira volta entre andorranos e burelaos quedou en táboas (2-2).
Para os intereses laranxas máis inmediatos pode influír a axenda de ElPozo Ciudad de Murcia, que viaxará á pista líder do Puertollano dende a quinta praza (38 puntos), e do Arcebansa Zamora (34), que dende a oitava recibe o Cáceres 2016, décimo sétimo.
A Pataca Naranxa. A peña burelista sorteará unha fin de semana de hotel para dúas persoas, coincidindo co premio da ONCE do 7 de maio, co fin de recadar fondos para as actividades da tempada. O posuidor da papeleta gañadora poderá escoller a súa estancia nun aloxamento de tres ou catro estrelas entre Galicia, Asturias e Cantabria, válido durante un ano. As rifas están á venda (1 euro) na cafetería Vista Alegre, A Parrillada de Jandro, o ximnasio Hawk, a cervexería O Trisquel e no local da peña do pavillón.