Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove asegura que se congratula pola súa xestión na reelectrificación de Penas Agudas

Nota de prensa

O BNG congratúlase pola súa xestión na reelectrificación de Penas Agudas

O BNG de Xove promoveu, xestionou e logrou que unhas quince vivendas de Penas Agudas, que a antiga Administración Fraga deixara fóra do Plan de Mellora Eléctrica (MEGA) no seu día, melloren a escasa potencia eléctrica que sofren e que lles provocaba interrupcións continuas e fallos nos electrodomésticos de uso diario.

Os veciños de Penas Agudas pasaron dos vergoñentos 1.100 watios aos que os tiña condenados o Partido Popular a un servizo de calidade grazas ao esforzo dos concelleiros Durán e Bouza, que no seu día promoveron a recollida de sinaturas para solucionar este problema. Non foi ata que o BNG chegou ao goberno da Xunta cando a xusta demanda dos veciños de Penas Agudas atopou resposta tanto no que naquela altura era conselleiro de Industria, Fernando Blanco, como no delegado desa Consellaría en Lugo, Ramón Cortés. O departamento nacionalista de Innovación e Industria levou adiante, durante os anos 2007 e 2008, todos os trámites que foron necesarios para acadar a reelectrificación destas vivendas a pesar do histórico desinterese dos populares.

Foi a Administración do Bloque Nacionalista Galego a que traballou sen descanso para lograr o desbloqueo desta obra nun lugar que tiña un servizos propios do terceiro mundo. Para iso foi necesario proceder á expropiación forzosa dos terreos daqueles propietarios que se opoñían ao trazado da liña. A Administración do BNG na Xunta, ao contrario do que adoita facer o PP, tomou a “decisión de gobernar” e levou adiante os trámites necesarios para corrixir a inxustiza que se estaba a cometer cos veciños de Penas Agudas. “E eles, os veciños, sábeno ben”, asegurou o candidato do BNG á alcadía xovense. Marco López declarou que “despois de sermos os do Bloque os que montamos toda a árbore de Nadal, os do PP pretenden colocar a estreliña de riba”.

Tampouco entenden desde o BNG que, despois de vender a reelectrificación como se fora súa, o PP vaia pagar agora un aluguer de 6.000 euros por un xenerador eléctrico para a festa de Penas Agudas. López tamén dixo que a parálise da actual Xunta está facendo que todo o esforzo do PP se dirixa a apropiarse das ideas e o traballo dos demais: “en vez de exercer o goberno semellan unha empresa de publicidade”, sentenciou.

Exit mobile version