Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz reclama o xeriatrico e acusa ao PP na Xunta de sectario

Nota de prensa

O BNG DE FOZ RECLAMA O XERIATRICO E ACUSA AO PP NA XUNTA DE SECTARISMO POLÍTICO

Basanta rexeita o trato discriminatorio que o PP ten con Foz e cre que este agravio vai saírlle caro nas próximas eleccións municipais

Foz, 7 de febreiro de 2011.- O BNG ten que manifestar o seu rexeitamento ao trato discriminatorio que a Xunta de Galiza está facendo con Foz no que respecta á dotación da Residencia da Terceira Idade e do Centro de Día.

Este fin de semana todos os focegos puidemos contemplar como cargos relevantes do PP na Xunta colocaban a primeira pedra da Residencia e do Centro de Día de San Cibrao así como o anuncio da construcción de Centros de Día no Vicedo e Lourenzá. E felicitámonos porque esas localidades se doten de tales servizos. Agora ben, non compartimos a forma de actuar tan desigual do PP cando se trata de dotar de servizos aos concellos da Mariña. Resulta que para Foz é necesario segundo os dirixentes do PP na Xunta un estudo de viabilidade do que todas estas localidades das que falamos non consta que se fixera. A pregunta é clara e obvia: ¿porque só Foz necesita un estudo para dotala dunha Residencia mentres as demais localidades non? A única razón que pode haber para este trato tan dispar entre localidades da Mariña non é outra que o sectarismo político, posto que todas estas localidades están gobernadas polo PP e Foz non. “O estudo de viabilidade non é máis que unha argucia do PP para xustificar a decisión de que Foz non contará nesta lexislatura nin coa Residencia nin co Centro de Día tan necesarios e demandados” asegura Basanta, o portavoz municipal.

Para o BNG e para a maioría dos veciños, Foz ten tanta necesidade ou máis que calquera outra localidade da Mariña que actualmente non teña unha Residencia ou un Centro de Día: por historia, por territorio, por poboación, por número de maiores de 65 anos, pola súa ubicación e por moitas outras razóns. Ademais de ter os terreos cedidos á Xunta hai máis dun ano e porque a Xunta xa tiña previsto construíla xunto á de Viveiro. Agora e por decisión partidista do PP, Foz ten que esperar ou no peor dos casos ter que devolver os terreos ao Padroado do Asilo por non executar a obra en tempo e forma, co que isto significaría.

O BNG critica tamén a actitude do PP de Foz porque ou non se fan valer no seu partido ou é que o seu partido non os toma en serio ata o punto de que non só non calan diante desta afronta da Xunta a Foz senón, é o que aínda é máis grave, que xustifican e dan por boa esta decisión. Está claro que non defenden os intereses dos veciños de Foz e nestes momentos é onde se ven o valor e a valía dos políticos. O mínimo que se lle pode pedir a calquera representante municipal ou alguén que aspira a representar aos seus veciños nunha corporación local é defender os intereses destes, e o que está claro despois do que acontece coa Residencia é que para o PP local os seus veciños nada importan a non ser para roubarlles o voto. “Desde o BNG só esperamos que esta actitude do PP se lle teña en conta nas próximas eleccións municipais pois non é xustificable o silencio que practican diante deste agravio da Xunta”, apostilou Basanta.

Exit mobile version