O BNG de Foz denuncia situacións perigosas no entorno do Colexio Público Nº1
Basanta afirma que o alcalde está advertido dos perigos desde 2009
Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.
Foz a 11 de febreiro de 2011.- O BNG de Foz faise eco do malestar veciñal advertindo de varias situacións de perigo no entorno do colexio público Nº1. Ditas situacións fan referencia ao estado de ruína dunha vivenda abandonada e á situación de dous farois do alumeado público na entrada principal do centro escolar.
A vivenda, situada nunha das rúas que circundan ao colexio público, presenta desde hai tempo importantes danos no seu tellado con parte del afundido. Estes danos agrávanse co paso do tempo e coa meteoroloxía adversa, existindo un grave risco de desprendemento das lousas que están soltas ou do total derrubamento da construcción co perigo que suporía para as numerosas persoas que circulan pola beirarrúa ao ser un lugar de paso habitual e céntrico.
A ambos lados da entrada principal do colexio tamén existen dous farois do alumeado público que foron reparados xa hai dous anos, facendo un ponteado con cables dun ao outro farol polo aire. Todo o mundo pensou que esta solución sería algo provisional pero parece que o Concello da por boa esta “chapuza” a pesar do grave perigo que esto significa para os nenos e nenas do colexio. O cable está claramente visible e ao alcance de calquera podendo ocorrer unha desgracia. O BNG xa ten advertido de moitas situacións similares no pobo de farois coas portelas que dan acceso aos circuítos eléctricos abertas pero neste caso aínda é máis grave ao atoparse na entrada dun colexio público por onde pasan a diario moitos nenos e nenas.
Sen ánimo de alarmar, o BNG insta ao Concello a que de forma urxente mande reparar adecuadamente o alumeado público deste farois, así como a esixir todas as medidas de seguridade e ornato público á casa que está nesa grave situación co fin de non lamentar males maiores.