Nota de prensa:
O BNG ADVIRTE QUE A SITUACIÓN ECONÓMICA DO CONCELLO É UN AUTÉNTICO CAOS. OS NACIONALISTAS VOTARON EN CONTRA DUN RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO POR IMPORTE DE 674.000 EUROS.
Barreiros, 5 de febreiro de 2011. O BNG considera que a situación económica do Concello é un auténtico caos. Os nacionalistas votaron en contra, no pleno celebrado onte, dun recoñecemento extrajudicial de crédito por importe de 674.000 euros para pagar as facturas pendentes do exercizo pasado. O grupo municipal nacionalista subliña que xunto cos gastos de persoal o Concello xa ten hipotecados neste momento dous millóns e medio de euros.
Desde o BNG sinalan que “a situación do Concello de Barreiros a nivel contable e administrativo, sobre todo ao referido á administración das contas públicas, é un auténtico caos, que hai que engadir ao caos na xestión urbanística, como se está a ver estes días. Temos un recoñecemento extrajudicial de crédito no pleno celebrado onte por importe de 674.000 euros, aínda sin ter aprobados os orzamentos do 2011, cos do 2010 prorrogados se presenta un recoñecemento de facturas pendentes de pagar do exercizo anterior por importe de 674.000 euros. O que se di no informe de intervención é que ditos gastos non chegaron a aprobarse nos exercizos correspondentes e que estes gastos, unha vez aprobados obviamente co noso voto en contra, son prioritarios antes que calquera outro. Estes gastos, di intervención, esgotan prácticamente a totalidade das partidas de gastos correntes, polo tanto a situación económica do Concello para o 2011 vai ser crítica e caótica polo desastre durante todos estes anos na xestión das contas públicas”.
Os concelleiros do grupo municipal do BNG lembran que “xa no 2010 se aprobaron dous recoñecementos extraxudiciais de crédito, un por importe de 589.000 e outro de 243.000, que fan un total de 832.000 euros e este ano xa se nos presenta o primeiro por importe de 674.000 euros, si a iso lle sumamos os gastos fixos de persoal do Concello de Barreiros, que andan polo 1.750.000 euros temos que entre pagar as facturas pendentes e os gastos de persoal o Concello xa ten hipotecados 2.424.000 euros e todo isto sen saber cal é o grao de execución do orzamento de 2010, sen saber a liquidación do exercizo do ano pasado”.
Os nacionalistas consideran que “a situación económica do Concello é gravísima, xa viñemos dicindo estes anos que se gastaba sen respectar os presupostos, que se gastaba en función de intereses electoralistas. O propio informe xurídico da nova secretaria-interventora di o recoñecemento extrajudicial implica a quebra do propio concepto do orzamento e tamén do control da legalidade e do análise e evaluación da xestión económico-financieira e de eficiencia no gasto no seu obxectivo de acadar os seus propostos ao menor custo posible, ousexa que todo isto o está a incumprir unha vez máis o Concello de Barreiros. O caos no Concello pode ser total e crítico, nós o que queremos igual que a inmensa maioría dos veciños e veciñas de Barreiros é que teñamos un equipo de goberno que se pase máis tempo no Concello que nos xulgados. Agora mesmo o alcalde, o tenente de alcalde e outros membros da comisión de goberno parece ser que pasan máis tempo no xulgado que no Concello e de aí ven o caos”.