Nota de prensa
O Barco Muralla de Lugo arriba en Burela esta fin de semana para iniciar un novo periplo pola provincia
– A embarcación da Deputación fondeará sábado e domingo na Praza do Concello para, nas vindeiras semanas, facelo en Chantada, O Incio e Antas de Ulla
– Logo de recibir a visita de 18.200 persoas durante 2010, a aula-turístico medioambiental prosegue a promocionar a riqueza da provincia
Logo de recibir a visita de 18.200 persoas durante o seu percorrido pola feiras e festas da provincia en 2010, e tras atracar en Burela, o Muralla de Lugo arribará nas vindeiras semanas en Chantada, coincidindo coa Feira do Viño, O Incio e Antas de Ulla.
O Barco Muralla de Lugo inclúese dentro de Lug02, o programa medioambiental do organismo provincial dotado de 5 millóns de euros, co-financiado nun 70% pola Unión Europea. Foi construído por unha empresa de Burela e pintada en Viveiro. Está totalmente ambientado como as embarcacións mariñanas e as súas cores son vermello e azul marino, seguindo a simboloxía heráldica da Deputación, e verde, segundo as cores de Lug02 e do medio natural.
O seu interior está dotado con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico que cederon na súa totalidade e de maneira gratuíta as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro, ós que se lles adica unha praca de agradecemento. Nas localidades nas que recala distribúense dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.
A nave pesa 3.500 quilos e ten unha dimensión exterior de 12 metros de longo e 5 de alto. Conta cunha parte expositiva con capacidade para 40 paneis de fotografías, nas que se atopa unha sección de imaxes cedidas pola asociación “Terra de Viveiro”, entre as que destaca a fotografía máis antiga que se conserva no porto vivariense.
Aulas de interpretación da natureza
Como complemento á actividade da embarcación, o organismo provincial puxo en marcha tamén o ano pasado tres aulas móviles de interpretación da natureza, centradas na Montaña, Terra Chá e A Mariña, que percorren os concellos co obxectivo de fomentala sensibilización medioambiental a través de accións divulgativas e educativas da cidadanía en xeral e dos escolares en particular. Nesta segunda tempada, as aulas móviles iniciarán a súa actividade a vindeira semana, na que percorrerán dez concellos das comarcas da Terra Chá e da Montaña. Deste xeito, o luns estarán en Cospeito e Navia; o martes, en Friol e o Corgo; o mércores, en Guntín e Castro de Rei; o xoves, en Muras e Negueira de Muñiz, e o venres, en Outeiro de Rei e A Fonsagrada.