Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo calcula que para o verán estará case lista a obra da ensenada da Vilavella

Nota de prensa

FERNANDO SUÁREZ CALCULA QUE PARA O VERÁN ESTARÁ LISTA A MEIRANDE PARTE DA OBRA DE RECUPERACIÓN DA ENSENADA DA VILAVELLA, QUE ESTÁ A EXECUTAR O MINISTERIO DE MEDIO AMBIENTE.

Ribadeo, 18 de febreiro de 2011. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, calcula que para o verán estará lista a meirande parte da obra de recuperación da ensenada da Vilavella, que está a executar o Ministerio de Medio Ambiente. Uns traballos que supoñen un investimento duns dous millóns de euros.

O rexedor dixo que “xa chegando ao ecuador destas obras tan importantes que executa o Ministerio de Medio Ambiente en Ribadeo co apoio tamén moi importante no seu momento do Concello, que expropiou os terreos e os puxo a disposición do ministerio para facer estes traballos de recuperación da praia dos Bloques, do antigo asteleiro da Vilavella para facer alí un lugar para os deportes náuticos, piragüismo, remo, surf… E continuando con estas obras o que é a recuperación da antiga fábrica de algas, que estaba nunha situación de ruina prácticamente, así como este paseo que está prácticamente perfilado e que permitirá que unha persoa vaia andando desde a praia dos Bloques ata o muiño de mareas das Aceas sen tocar a estrada xeral para nada. Xa se pode ver cómo está o seu aspecto definitivo e tamén se pode ver moi avanzada a reconstrucción deste muiño de mareas das Aceas, onde queremos que volte a funcionar como muiño con interés didáctico e turístico”.

Suárez Barcia pensa que “tal e como vai o ritmo de execución destas obras calculamos que para o verán estean as partes máis importantes listas, aínda que quedarán algúns detalles para rematar despois da época estival. Penso que esta ruta duns 3 kilómetros que crearemos permitiranos descubrir unha vista da ría de Ribadeo e da zona da Vilavella descoñecida para moitísima xente. Todo o mundo que vive por aquela zona sabe do que estou a falar, pero hai moita xente que nunca foi andando pola Vilavella, que non sabe onde está ese muiño de mareas, simplemente porque non había posibilidade de ir por alí, todo o mundo que vai no coche de Ribadeo á Veiga vai por un túnel de eucaliptos a unha banda e outra da estrada e non pode ver nin siquera a ría”.

O alcalde ribadense considera que “este paseo permitirá cambiar de xeito moi importante as posibilidades de turismo que ten tamén para Ribadeo de cara a que a xente que veña de fora poida ver e poida disfrutar dunhas paraxes magníficas, tanto que hai uns anos foron declarados reserva da biosfera. E iso é un exemplo máis da colaboración entre dúas administracións, algo que sempre me gusta destacar e que resulta beneficioso para os veciños do concello”.

Exit mobile version