NOTA DE PRENSA
CONFERENCIA VENRES 18 ÁS 20.30 NA CASA DA CULTURA DE FOZ.
PONENTE: Manuel Gago Mariño.
TÍTULO: República dos Homes Libres: o territorio como defensa entre o Imperio Romano e a alta Idade Media.
O poñente desta charla é Manuel Gago Mariño, nado en Palmeira, Ribeira no ano 1976, é doutor en C.C. da Información pola Universidade de Santiago, así como director de culturagalega.org ., o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e profesor asociado de ciberxornalismo na Facultade de C.C. da Comunicación da Universidade de Santiago.
O profesor Manuel Gago é autor de numerosas publicacións de referencia sobre xornalismo electrónico e temas de historia e arqueoloxía galega que se poden ver no seu blog www.capitulocero.org. Na actualidade está desenvolvendo as súas investigacións no tema do proceso de fortificación e defensa de Galicia entre a caída do Imperio Romano e a Baixa Idade Media.
Na súa conferencia, na que se poderán ver varias imaxes de sistemas defensivos e castelos, vainos falar de algo que seguro é bastante descoñecido na nosa Mariña, como son os castelos e os refuxios naturais empregados polos mariñáns para protexerse dos ataques, incursións navais e invasións. Se ben é certo que hai moi poucas noticias documentais, tamén é certo que a arqueoloxía sacou á luz moitas pezas e achados que nos obrigan a formular a nosa historia dunha maneira bastante distinta a como nos tiñan acostumados.
As asociacións Mariña Patrimonio e A Pomba do Arco, convidan a asistir a esta conferencia a toda aquela persoa que teña interese por coñecer a historia deste momento de fins do Imperio Romano.