Nota de prensa:
O Diario Oficial de Galicia publica o decreto de aprobación definitiva das Directrices de Ordenación do Territorio, que entran mañá en vigor
* As DOT amosan un modelo territorial para toda Galicia no cal, ademais do ámbito urbano e as infraestruturas, o medio rural ten o protagonismo que merece, como soporte e oportunidade para os distintos usos e actividades
* As Directrices de ordenación do territorio serán de aplicación a todos os instrumentos de ordenación do territorio e ao planeamento urbanístico, agás aqueles aprobados provisional ou definitivamente no momento da entrada en vigor das DOT
* O documento establece un sistema de asentamentos graduado e que cobre axeitadamente a totalidade do territorio galego
* O texto íntegro das DOT, así como toda a documentación referida ás fases anteriores da súa tramitación, está dispoñible a través da páxina web www.xunta.es
Santiago, 22 de febreiro de 2011.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto de aprobación definitiva das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), que entrarán en vigor mañá, mércores, data na que tamén se prevé a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).
A entrada en vigor das DOT ten lugar dúas semanas despois de que o Consello de Goberno da Xunta aprobara definitivamente o documento –xunto co do Plan de Ordenación do Litoral- na súa xuntanza do 10 de febreiro.
Con este feito cúmprese tamén o obxectivo de pechar un proceso que comezou en 1995 no Parlamento coa Lei de Ordenación do Territorio. Desde entón, as DOT seguiron un dificultoso trámite, durante o que se tivo que anular a aprobación inicial de 2008 por defectos na tramitación ambiental, para poder chegar a esta data cun documento con todas as garantías, que abre o camiño cara a unha ordenación real do territorio.
O documento íntegro das DOT, así como toda a documentación referida as fases anteriores da súa tramitación, está dispoñible a través da páxina web www.xunta.es.
O traballo de confección das directrices partiu do coñecemento real do territorio galego coa dispersión como característica principal, aspecto que fai necesario un exercicio de coordinación para poder conxugar as 315 vontades municipais coas diferentes políticas sectoriais. Así, as DOT amosan un modelo territorial para toda Galicia no cal, ademais do ámbito urbano e as infraestruturas, o medio rural ten o protagonismo que merece, como soporte e oportunidade para os distintos usos e actividades e como sinal de identidade de Galicia.
O modelo recollido nas Directrices de ordenación do territorio será desenvolvido a través do sistema de “planificación en fervenza” a través dos restantes instrumentos de ordenación do territorio e de urbanismo. Deste xeito, hai que ter en conta que as DOT constitúen un auténtico documento marco de todos os demais instrumentos de ordenación do territorio (futuros Plans territoriais integrados –como o POL-, plans sectoriais, proxectos sectoriais e plans de ordenación do medio físico) segundo consta na propia Lei de Ordenación do Territorio de Galicia, así como os de planeamento urbanístico (PXOM e o seu planeamento de desenvolvemento). Estes instrumentos contarán, ademais, coa complementariedade dos instrumentos de protección, xestión e ordenación da paisaxe, como son os catálogos e directrices da paisaxe, que a Xunta abordará durante esta lexislatura.
Segundo se recolle nas determinacións, estas directrices serán de aplicación a todos os instrumentos de ordenación do territorio e ao planeamento urbanístico, agás aqueles aprobados provisional ou definitivamente no momento da entrada en vigor das DOT.
As Directrices de ordenación do territorio constitúen o primeiro instrumento de ordenación territorial que establece as regras para a implantación dos usos e actividades (servizos, dotacións, actividades produtivas, entre outras) en coherencia coas necesidades sociais, económicas, culturais e ambientais.
O documento establece un sistema de asentamentos graduado e que cobre axeitadamente a totalidade do territorio galego, un sistema de asentamentos harmónico e compensado. O sistema urbano proposto inclúe catro niveis básicos de asentamentos que estruturan a totalidade do territorio. Estes niveis son: as Rexións e áreas urbanas, o Sistema Urbano intermedio, os Nodos para o equilibrio do territorio e os Núcleos principais municipais e parroquiais. Diferénciase a planificación territorial das Rexións e Áreas Urbanas da organización administrativa supramunicipal. Neste senso, as DOT formulan que serán posteriores Plan Territoriais Integrados (PTI) os que delimiten as Rexións e Áreas Urbanas unha vez estudadas en detalle. Hai que recordar que o modelo proposto baséase na participación dos concellos en diferentes niveis, como é o caso das asociacións voluntarias para contribuír na definición dos Plans territoriais integrados que configuren a planificación dos ámbitos dos cales se sintan parte integrante.
Espazos rurais
Respecto dos espazos rurais, estes ocupan a meirande parte da superficie do territorio. En base á función que desempeñan dentro do conxunto do sistema territorial é posible diferenciar tres tipos principais de espazos rurais: os integrados, os intermedios e os periféricos. Para estes espazos establécense estratexias para o fortalecemento do espazo rural. Nas DOT recóllense como Áreas estratéxicas de conservación a totalidade dos espazos naturais protexidos pola lexislación de conservación da natureza, e amplíanse con outros que teñen valor en si mesmos ou serven de nexos para crear un sistema en rede natural de Galicia, sen esquecer o papel de conexión entre os distintos sistemas de interese ecolóxico.
No tocante ao patrimonio cultural, resáltase a importancia da identificación e caracterización dos elementos patrimoniais para a súa posta en valor.
As directrices de ordenación do territorio de Galicia apostan pola sostibilidade, a cohesión social e un crecemento económico equilibrado, sendo un instrumento que permite preservar e potenciar aqueles elementos de identidade e de diferenciación do territorio e, ao mesmo tempo, xerar novas opcións que contribúan a reforzar o seu atractivo e as súas potencialidades de cara a favorecer o benestar colectivo da sociedade. As DOT configúranse así como un apoio á planificación municipal, fixando o marco global de referencia e, en definitiva, os criterios para a elaboración dos plans urbanísticos, dotándoos de seguridade territorial e xurídica.