Máis de 500 escolares redescubriron este mes a provincia grazas ás rutas do Km0
– Rapaces de 10 colexios e IES de Taboada, Ribadeo, Monforte, Lugo, Outeiro de Rei, Chantada, Quiroga e Foz participaron no programa da Deputación
– Un grupo de estudantes do CEIP chantadino Eloisa Ribadulla fixo hoxe un percorrido pola capital lucense, e outro do CIP Cervantes de Lugo viaxou a Viveiro
Medio milleiro de estudantes de 10 centros educativos redescubriron durante o mes de febreiro a provincia grazas ó programa medioambiental Km0.Deputación de Lugo. En total, 508 rapaces de diversos colexios e institutos de Taboada, Ribadeo, Monforte, Lugo, Outeiro de Rei, Chantada, Quiroga e Foz participaron nesta iniciativa coa que redescubriron o patrimonio paisaxístico e cultural da provincia dunha maneira amena e divertida. Precisamente, esta semana os protagonistas do programa son os mozos de xeito que, das seis rutas previstas, cinco delas faranas escolares.
A programación arranca hoxe cun percorrido pola capital lucense que solicitou o CEIP Eloisa Ribadulla de Chantada, e cunha visita a Viveiro demandada polo CIP Cervantes de Lugo. Os rapaces foron recibidos pola Deputada de Economía, Regina Polín, no salón de plenos do Pazo de San Marcos. O primeiro grupo, formado por 48 alumnos, coñeceu as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), deu un paseo polo río Rato e visitou Santa Eulalia de Bóveda, a catedral, o Centro de Interpretación da Muralla, o propio monumento bimilenario e as Termas. A comida tivo lugar no restaurante “Los Robles”. Pola súa banda, 55 estudantes do CIP Cervantes desprazáronse á Fundación TIC, e viaxaron a Viveiro onde comeron no restaurante “Val do Naseiro”, e achegáronse ó eucaliptal de Chavín, ó monte de San Roque e ó mosteiro de Valdeflores.
Mañá mércores, 55 alumnos do IES de Quiroga irán a Samos, e 48 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais do Chao, de Ribeira de Piquín, estarán en Ribadeo. Os rapaces do instituto quirogués farán unha visita á olería de Bonxe e, despois de comer no restaurante “A Pontenova” situado xa no concello samoense, coñecerán a Capela do Ciprés, a área recreativa Río Oribio e o mosteiro de Samos. En canto ás mulleres rurais de Ribeira de Piquín, participarán 48 nunha ruta que comezará cunha visita ó Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación e continuará xa na vila ribadense con paseos polas praias de Os Castros e As Catedrais, o porto e as cetáreas de Rinlo e o aeródromo de Vilaframil. A comida celebrarase no restaurante “O Cabazo”.
O programa desta semana complétase o xoves con rutas por Monforte de Lemos, que realizarán 55 alumnos do colexio María Auxiliadora de Lugo, e polo Cebreiro, na que participarán outros 55 estudantes, neste caso do CEIP de Foz. A primeira das viaxes arrancará no Mazo de Santa Comba e continuará cunha comida no restaurante monfortino “Ribeira Sacra”, un paseo polo barrio xudeu –con paradas na muralla medieval e a Porta de Alcazaba- e unha visita ó Colexio Nosa Señora da Antiga. O segundo percorrido previsto, que fará o grupo de nenos focenses, inclúe un paseo pola muralla e as Termas de Lugo. Os participantes desprazaranse de seguido a O Cebreiro para comer no establecemento “Casa Carolo”. Despois, darán un paseo ata o primeiro fito do Camiño de Santiago, visitarán a igrexa Santa María La Real e a palloza etnográfica, e subirán ó monte de Santa Cruz.