Nota e prensa
Lugo recibe por primeira vez no norte de España as obras
do máximo expoñente europeo en vidro
– Trátase de Markku Salo, deseñador con traballos expostos no Corning Museum of Glass de Nova York, Victoria&Albert de Londres, ou no Museo Nacional de Estocolmo
– Lara Méndez presentou “Vientos del Norte”, a nova exposición do CENTRAD que acolle a Capela de Santa María dende o 17 de febreiro ó 27 de marzo
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este mércores a nova exposición que organiza o Centro de Artesanía e Deseño -CENTRAD- na provincia. Trátase de “Vientos del Norte”, unha mostra de 20 pezas de vidro do máximo expoñente contemporáneo deste arte en Europa: Markku Salo. A Capela de Santa María convértese en escenario dunha exposición sen precedente no norte peninsular dende o 17 de febreiro ata o 27 de marzo.
Lara Méndez, que estivo acompañada do propio artista, destacou que “logo do éxito acadado coa internacional exposición Leonardo da Vinci y la Música que visitaron máis de 5.000 persoas, a Deputación logra que Lugo sexa unha vez máis un referente cultural, traendo por primeira vez ó norte do país, os traballos dun deseñador que está presente nas salas máis prestixiosas do mundo: Corning Museum of Glass de Nova York, Victoria and Albert Museum de Londres, ou no Museo Nacional de Estocolmo. Levamos 3 anos apostando por este arte incluíndo na nosa programación de obradoiros xornadas coas que os nosos artesáns elaboran pezas de vidro segundo as últimas técnicas. Queremos reforzar o traballo dos nosos profesionais, amosando con este mostra as posibilidades artísticas e económicas deste arte. Markku Salo é exemplo delo, un artista que comezou deseñando televisores e que hoxe é un icono artístico a nivel mundial, ademais dun sinalado empresario na industria vidreira”.
Traxectoria profesional
Este “escultor de vidro” de orixe finlandés iniciou os seus estudos na Universidade de Arte e Deseño de Helsinki. Recén licenciado en deseño industrial, en 1979 comezou a súa carreira profesional deseñando produtos electrónicos ata que, en 1983, foi contratado na factoría de vidro máis antiga de Finlandia: Nuutajarvi. Durante este período, Salo logrou combinar a fabricación de habituais pezas de vidro, coa labor artesanal, o deseño, e as novas tecnoloxías. Logo de recibir en 1989 o Premio Estatal de Deseño, sucedéronse os galardóns nacionais como o de Estado de Finlandia para Artes Aplicadas e Industriais, e os Internacionais como o Georg Jensen ó deseño nórdico.
As súas obras están en museos de todo o mundo: Corning Museum of Glass de Nova York, Victoria and Albert Museum de Londres, ou no Museo Nacional de Estocolmo. Ademais, tamén forma parte de emblemáticas firmas como Hcakman, Iittala ou Aarikka. Actualmente, aínda que é coñecido sobre todo pola súa faceta artística, ten a súa propia gama de fabricación de produtos baixo a marca Markku Salo, e a súa propia compañía industrial: Muotohuone Oy.
“Vientos del Norte”
“Vientos del Norte” chega a Lugo logo de estar presente exclusivamente en dous centros máis en España: no Museo da Real Fábrica de Cristais de La Granja, en Segovia, e no Museo de Arte en Vidro de Madrid. A mostra está composta polas últimas creación do artista, así como das de máis renome. É o caso da “Amazona 1991”, unha obra en forma de vestido, de 2,5 metro de alto, composta de vidro fundido en molde e soprada ó aire sobre armazón metálico. Todas as pezas son diferentes xa que Markku Salo non quixo caer en ningunha técnica específica senón que as emprega libremente como medio de expresión. Deste xeito, xoga coas texturas de superficies, calidades, cor, transparencias e as formas do vidro que combina con outros materiais como madeira, metal, pedra, ou o plástico.
Conferencia e inauguración
Markku Salo ofrecerá unha conferencia este xoves, ás 18:30 horas, no Salón de Actos da Deputación na que abordará sobre as posibilidades económicas do deseño de vidro. A continuación, ás 20:30 horas, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará “Vientos del Norte”. Ademais de Gómez Besteiro, Lara Méndez e Salo, no acto está prevista a asistencia do Embaixador de Finlandia en España, Markku Keinanen, así como o Director do Instituto Iberoamericano de Finlandia, Martti Parssinen.