*
O milagre da recuperación de Sargadelos, convertido en buque-insignia do grupo, fixo que A Mariña fose a gran beneficiaria desta dedicación desbordante de Díaz Pardo. Por eso os mariñáns, no seu conxunto, non podemos quedar á marxe das manifestacións de solidaridade con este home sen amosarlle, de xeito colectivo, o noso recoñecemento e gratitude a quen tanto leva feito pola nosa terra, á que trouxo valores imperecedoiros que quedarán gravados con letras de ouro, nas páxinas da súa historia. O non facelo sería dunha lamentable ingratitude.Hai algún tempo, Díaz Pardo recibía a Medalla de Ouro de Galicia, máxima distinción que concede o goberno galego; ao pouco O Mundo de Galea, de ámbito comarcal, investía a tan ilustre persoeiro, como Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela e o concello de Cervo, ao que expresamos os nosos parabéns, acaba de nomealo Fillo Adoptivo; iniciativas, e outras que se teñen producido, todas elas encomiables, pero entendemos que esta última debería ser solidaria entre os pobos mariñáns e ofrecerlle todos esa distinción conxuntamente, feito do que existe precedente, aínda que fosen outras moi distintas as motivacións e tamén o estatus político da sociedade. Estase aínda a tempo de artellar algunha actuación neste senso e sería desexable que os nosos gobernantes, aínda que por unha soa vez, fixesen gala dunha sensibilidade a cotío posta en entredito pola cidadanía, e fosen quen de facer realidade esa unión e solidaridade que de cando en vez pregoan nos xornais, e que non quedase en pura demagoxia, como sempre sucede.
Suso Fernández
* Cronista Oficial e Fillo Predilecto de Foz.