Nota de prensa:
García-Borregón inaugurou este mediodía a Aula da Natureza do concello lugués de Lourenzá
*
O novo centro está situado no antigo matadoiro municipal da Ferreira, rehabilitado pola Escola Obradoiro “Val de Lourenzá”
*
Coincidindo coa inauguración, abriuse nesta aula a exposición didáctica “Galicia, conservando a natureza” que o departamento que dirixe Samuel Juárez cedeu ata o vindeiro martes, 1 de marzo
*
Esta mostra xa se puido ver en Santiago e ten como principal obxectivo a posta en valor da riqueza natural da paisaxe galega
*
García-Borregón visitou tamén as obras xestionadas por Medio Rural (dentro das axudas para municipios de Rede Natura 2000) na área recreativa da Cazolga
Santiago, 24 de febreiro de 2011.- O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, acompañado polo alcalde de Lourenzá, Vidal Martínez-Sierra, e pola concelleira de Medio Rural e Medio Ambiente, Emma Álvarez, inaugurou este mediodía a Aula de Natureza deste concello lugués.
Este centro está situado no edificio do antigo matadoiro municipal do lugar da Ferreira, na parroquia de Santa María, que foi rehabilitado pola Escola Obradoiro “Val de Lourenzá”. Nos traballos de recuperación e posta en valor do inmoble, que tiveron un orzamento de preto de 17.000 euros, participaron 12 alumnos do módulo de albanelería e 8 máis do de carpintería.
A rehabilitación consistiu basicamente na colocación das unidades de carpintería interior, a realización dunha baranda das escaleiras principais, o selado e barnizado da carpintería exterior, instalación de puntos de luz e pintura.
A inauguración desta Aula de Natureza coincidiu coa apertura nas súas instalacións da exposición didáctica “Galicia, conservando a natureza”, que permanecerá neste edificio ata o vindeiro día 1 de marzo.
Mostra
Esta mostra itinerante –que xa se puido contemplar en Santiago– ten como principal obxectivo a posta en valor da riqueza natural da paisaxe galega e a necesidade de promover a súa conservación.
Con esta iniciativa, o departamento que dirixe Samuel Juárez pretende difundir os valores ambientais da paisaxe galega, para que a cidadanía sexa consciente do tesouro natural que representa e da necesidade de conservalo.
A exposición, composta por 22 paneis explicativos, poderá visitarse en horario de 11 a 13 horas pola mañá e de 17 a 19 horas pola tarde (neste caso só os días laborables). Nela ponse de manifesto a gran diversidade de medios naturais e a multitude de microclimas que favorecen un ampla abano de diferentes ecosistemas que son o resultado da evolución natural e da forma de aproveitar os recursos.
Rede natura
O director xeral de Conservación da Natureza aproveitou a súa estadía en Lourenzá para visitar as obras de adecuación de servizos e instalación de xogos na área recreativa da Cazolga, financiadas con cargo ás axudas que xestiona Medio Rural para municipios de Rede Natura 2000 cun orzamento de 19.900 euros.