Site icon Crónica3.com A Mariña

Grazas, Mondoñedo

GRAZAS, MONDOÑEDO

Permítame, lector amigo, que por esta vez, deixando á marxe a temática que é habitual nesta miña colaboración semanal, sempre referida a cuestións de maior ou menor interese da actualidade, ou a retallos da historia entrañable do noso contorno, a utilice hoxe en beneficio propio, en canto que plataforma axeitada para, dende ela, expresar publicamente a miña gratitude á cidade de Mondoñedo, onde o pasado domingo fun obxecto dunha homenaxe nunca esperada nen, moito menos, demandada.

É certo que a miña relación coa histórica cidade é vella e moi entrañable; é verdade que alí tiven sempre, dende moi rapaz, e teño na actualidade, moitos/as e moi queridos/as amigas/os..É innegable que son moitos os afectos mutuos; que sempre tivemos a cidade e quen subscribe unha profunda relación e mesmo unha actitude de colaboración mutua que se prolongou dende hai décadas. A nosa, certamente, é unha historia un tanto atípica, sempre allea a todo interese material nen de outro tipo, baseada exclusivamente nun concepto que para un forma nos primeirísimos lugares da escala de valores da vida: a da amizade, que por outra parte non xorde por xeración espontánea e amplía e consolida as vivencias do día a día, sempre presididas pola nobreza e honestidade mutuas, polo agarimo, o altruísmo e a xenerosidade, cualificativos que definen maioritariamente ós mindonienses; e esa realidade é a única que pode xustificar o tan esplendoroso, emotivo e entrañable, inesquecible acto do que fun destinatario. E é así porque, xeralmente, este tipo de distingos, nos tempos actuais, soen ser pagos, ou recoñecementos, a persoas que de xeito destacado favorecen, facendo uso do seu poder, a unha sociedade determinada. Evidentemente, no é o caso do asignante: endexamais disfrutou de poder: político, económico, nen de outra índole. Non pudo, polo tanto, facer favores nen repartir prebendas. Cando a un entrañable amigo facíalle esta observación, pechoume a boca; “.. isto, querido Suso, é outra cousa: isto é só amor”. Meus amados mindonienses: moitas grazas.

Exit mobile version