Os rapaces e rapazas que cursan a ESO ou o Bacharelato teñen aprendido no instituto que o galego, como todas as demais linguas, posúen variantes dialectais, maneiras de falar que, sen deixar de ser a mesma lingua, son peculiares dunha zona. Os de Vigo non ven á xente; mírana. Os da Fonsagrada usan pantalois. Na Costa da Morte, se dous mozos van casar, tiran cara ao monte, non cara á Igrexa; e se van lighar, non é que sexan ebanistas precisamente. E así poderiamos seguir con máis matices que poñen o acento nunhas zonas e noutras do noso país e no galego estremeiro.
Crer que por se arranxar ao estilo Belén Esteban xa podes andar presumindo de moita cousa e desprezando ao próximo di ben pouco dun. Que baixa autoestima debe ter esta moza para precisar proxectar sobre os demais os seus complexos. Por certo, que lle pasaría cos de Lugo?! Acaso algún mozo lucense ben xeitoso lle tería dado cachote e por iso agora se vinga cruelmente dos lugueses?
Recentemente houbo quen difundiu tópicos como os proferidos por esta rapaza sobre a nosa lingua. Están a recoller os seus froitos. Pouca e mala colleita. Por sorte para a nosa mocidade hai modelos moito máis interesantes a seguir, con máis cultura e educación, máis orgullosos do seu e tamén máis sexis, por que non. Encantados de escoitar a María Castro cando a entrevistan mundo adiante e mostra con orgullo a súa condición de galega. Moitas grazas a Tosar por nos permitir unha vez máis oír o galego na gala dos Goya. Parabéns a Bardem pola súa carreira na que tamén nos falou en galego interpretando a Ramón Sampedro. E quen teña medos e complexos, que vaia tratalos a un psicólogo. Pero que deixe en paz á nosa lingua.
Farruco GRAÑA