Feijo11: un fracaso
Xogando coa imaxe do espía da raíña imperial, Feijo09, mozo ghuapetón onde os houber, presentouse ante a sociedade galega como xestor eficaz que todo o ía solucionarà na máxica cifra de 45 días! De tanto desbaldir o diñeiro o anterior goberno, Galiza sumíase aínda máis na crise. A maior abondamento, facíanlle os coros Rajoy e a súa troupe, Zapatero empeñábase en nos levar a todos á perdición. Apuntaba maneiras o señor Feijo11: máis pendente da política española que do seu propio país.
Non defraudaron ao chegar á Xunta. No canto de poñeren en marcha novas políticas (normal que foran en sintonía co seu programa, para iso gañaron) máis que nada dedicáronse a destruír o feito polo bipartito, ou tamén a paralizar o xa aprobado (como co centro de día para enfermos de Alzheimer ou a escola infantil de Ribadeo e outros exemplos ao longo da xeografía municipal galega). Puxeron en marcha medidas tran sangrantes como o ataque frontal á nosa lingua, a anulación do concurso eólico (para despois facer eles outro: e iso que non era legal esa fórmula, dicían eles), a redución dos servizos públicos coa escusa da crise (aínda que non das axudas para os colexios privados do Opus, ou o traslado de doentes cara á medicina privadaà), a legalización dunha das desfeitas urbanísticas máis salvaxes na nosa costa. Na Mariña ben sabemos de todos estes abusos.
O cinismo do señor Feijo11 chega ao extremo de mirar covardemente cara a outro lado, na vez de facer fronte ao problema do paro, e asubiar como quen non quere a cousa. A culpa tena toda o goberno central, di el; a Xunta non ten competencias en materia de emprego Vaia mentireiro! Cando tivemos a ocasión de reformar o estatuto para acadar máis autogoberno e dotarnos así de mellores instrumentos para facer fronte aos nosos problemas, o señor Feijo11, seguindo cegamente a Rajoy e á dereita máis rancia, rachou o consenso acadado para aprobar o novo estatuto: xusto na recta final das negociacións. E agora pon como escusa que non ten competencias para loitar contra o paro e facer políticas de promoción do emprego. Outro tanto podemos dicir co tema de NovaCaixaGalicia.
Feijo11: póñase ao día das transferencias feitas á Xunta! E se non ten competencias para loitar contra o paro, reclámeas. Poña en marcha a negociación dun novo estatuto. Caso contrario, terá que recoñecer que vostede non quere gobernar a Xunta, só quenta-la cadeira do Consello de Goberno e servir de ariete contra o goberno central para levar ao PP á Moncloa.
Precisamente agora, co quecemento de motores de cara ás municipais, de novo o PP volve sacar os vellos argumentos contra os gobernos que eles non controlan: gasto superfluo, división, incapacidade para saír da crise. Tamén en cada concello van solucionar os problemas en 45 días? Co do gasto superfluo refírese aos 6000€ en ambientadores? Ou é que os Audis só son un dispendio cando os usan os outros? Lembran as dietas do señor Miranda? Acaso non é iso o máis grande circo da política galega? Ver como se cravan entre si o coitelo os Baltar boy´s e os Romay&cia friend´s, por non falarmos das falcatruadas de Louzán en Pontevedra, ou das trasnadas de Negreira nos últimos tempos.
Quen se queira deixar adormecer polo ventilador que van poñer en marcha de aquí a maio desde o PP a través dos altofalantes de todos coñecidos, que o faga. Pero que despois non se queixe de que gañou a dereita no seu concello. Só gaña se os demais nos deixamos levar polo desánimo comenenciudamente instigado e ficamos na casa a ve-las vir.
Farruco GRAÑA