Os mellores expertos de Galicia daranse cita na Deputación para buscar unha solución ó despoboamento demográfico
– Será na 1ª xornada-debate que se organiza na provincia e da que se extraerán propostas de futuro concretas para fixar poboación
– Segundo o INE, a provincia encabeza en Galicia o retroceso demográfico de 2010 ó perder case 3.000 habitantes, destacando a zona sur, na que a poboación baixou un 10,3% dende 2001
– A Deputación xa accionou mecanismos nas súas posibilidades como residencias no rural, a administración electrónica e a banda longa, ou as axudas ás explotacións gandeiras
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este venres a xornada “Lugo Reacciona. Debate con Propostas de futuro fronte ó despoboamento demográfico”, que se celebrará o 4 de marzo no Pazo de San Marcos e que contará cos mellores especialistas de Galicia nesta materia. Gómez Besteiro explicou que dende hai varios meses, o organismo provincial leva traballando na organización do encontro do que se extraerán propostas de futuro concretas e con continuidade nho tempo para contribuír a frear o despoboamento demográfico, buscando solucións á dramática situación que atravesa Galicia e a provincia en particular. Besteiro destacou que “é a primeira xornada destas características que se celebra na provincia e que contará con prestixiosos expertos co fin de extraer propostas consensuadas e, sobre todo, reais”.
“Coa aprobación do Orzamento de 2011 anunciamos que introduciríamos o debate do que creemos que é a loita desta provincia, e contra o despoboamento hai que reaccionar, de aí o título do encontro”. Neste senso, subliñou que “os expertos afirman que imos cara ó suicidio demográfico, polo que precisamos a alianza de todos. Aínda aumentando a porcentaxe de nacementos, coa situación actual terían que pasar 30 anos para recuperar o declive poboacional existente na actualidade e comezar a notar os efectos. E isto ten que ir aparellado dun novo modelo económico produtivo para Galicia”. A este respecto, o titular provincial, engadiu que a Deputación “accionou mecanismos dentro das súas posibilidades como a construción de residencias no rural, a implantación da administración electrónica e da banda longa, a consecución de fondos europeos para facer do medio ambiente a nosa oportunidade económica ou as axudas á explotacións gandeiras”.
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, Galicia e a segunda Comunidade na que menos nacementos se rexistran, e na actualidade, existen máis de 1.400 aldeas baleiras en toda a Comunidade. O número de cotizantes da Seguridade social en Lugo é de 125.000 persoas. Deste xeito, mentres que a ratio española de cotización por afiliado é de 2,6 por xubilado, na provincia é de 1. Polo que se refire á provincia, Lugo encabeza o retroceso demográfico de 2010 ó perder case 3.000 habitantes. Destaca a poboación da zona sur, que baixou un 10,3% nos últimos dez anos. En canto a Concellos con menor poboación, salientan os de Negueira de Muñiz e o de Ourol, que apenas supera os 1.000. Dende 1950, a provincia perdeu un terzo da poboación, de 508.900 habitantes naquela data pasou ós 355.549 actuais.
Programa do encontro
A xornada, de entrada libre, dará comezo ás 17:00 horas e será inaugurada pola Secretaria Xeral da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Isaura Leal. A continuación, comezará o debate coa participación, entre outros, de José Precedo Ledo, profesor especialista en Xeografía Humana, ex-director e Secretario Xeral da Xunta de Galicia; José Manuel Colmenero Álvarez: especialista de Estatísticas e Investigación Operativa e delegado provincial do INE en Lugo; e de Francisco Sineiro García, un dos profesores con maior prestixio en Galicia de Economía Agraria e ex Conselleiro de Agricultura da Xunta con González Laxe. As conclusións para a súa posterior elaboración correrán a cargo do profesor e doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, Vicente González. O encontro estará moderado polo que foi Director de Sondaxe durante 20 anos e Profesor de Socioloxía, Gabriel Vázquez. A clausura correrá a cargo do Presidente da FEGAMP, Carlos Fernández.