Site icon Crónica3.com A Mariña

Reclaman a sinatura dun novo convenio de limpeza no Hospital da Costa cunha concentración

Nota de prensa:
AS TRABALLADORA E TRABALLADORES DE LIMPEZA NO HOSPITAL DA COSTA DE BURELA CONCENTRÁRONSE PARA RECLAMAR A SINATURA DO NOVO CONVENIO.

As traballadoras e traballadores do servizo de limpeza no Hospital da Costa concentráronse hoxe por espazo de media hora no vestíbulo de dito hospital. O motivo non era outro que reclamar de SAMYL.SL, empresa adxudicataria deste servizo neste centro, a sinatura dun novo convenio que recolla a equiparación de xornada co Grupo E do Sergas. No convenio vixente recóllese a equiparación salarial pero non da xornada. Preténdese, pois, na práctica, acadar unha equiparación total, tal e como ocorre no resto de centros hospitalarios do país.

Ao remate da concentración a delegada de persoal e representantes de CIG Servizos foron recibidos pola Directora de Xestión do Hospital para trasladarlle os motivos da concentración. Ésta afirmou que non existe por parte do Hospital competencia algunha para poder intervir na resolución do conflito e que esta recae exclusivamente na parte empresarial.

Asimesmo directivos de Samyl SL , vía telefónica, fixéronnos chegar unha oferta de diálogo que se concretará nunha reunión para o vindeiro xoves. A última hora da mañá as traballadoras e traballadores celebrarán unha asemblea para decidir se suspenden ata entón todas as mobilizacións ou seguen co calendario previsto.

Informaremos puntualmente de calqueira novidade que se produza ao respeito.

Exit mobile version