Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron a apuntalar os soportais da Torre dos Moreno en Ribadeo e o alcalde espera apoio da Xunta

Nota de prensa

COMEZARON OS TRABALLOS DE APUNTALAMENTO DOS SOPORTAIS DA TORRE DOS MORENO. FERNANDO SUÁREZ ASEGURA QUE CANDO CHEGUE O MOMENTO DA REHABILITACIÓN A XUNTA TERÁ UNHA OPORTUNIDADE MAGNÍFICA PARA BRINDARLLE O SEU APOIO ECONÓMICO.

Ribadeo, 14 de febreiro de 2011. Comezaron hoxe os traballos de apuntalamento dos soportais da Torre dos Moreno. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que cando chegue o momento da rehabilitación a Xunta terá unha oportunidade magnífica para brindarlle ao Concello e á Torre o seu apoio económico.

O rexedor manifestou que “tal e como viñemos indicando nos últimos tempos a través das medidas excepcionais que decretei hai poucas horas e en función dos informes técnicos que obraban no noso poder, o Concello, como propietario e como garante da seguridade pública, e a empresa que recentemente adquiriu o 50% da Torre estamos a proceder ao apuntalamento dos soportais da Torre, tal e como os técnicos nos indicaron, especialmente José Calavera, esta autoridade mundial en canto a cálculo de estructuras e ao que tanto lle debe Ribadeo”.

Suárez Barcia dixo que “estas actuacións contan coa autorización autonómica da Comisión de Patrimonio” e explicou que “non puidemos seguir esperando a axuda económica que a Xunta lle comprometera a este alcalde porque a situación da estructura da Torre é dramática. E agora toca o máis urxente que é o seu apuntalamento, despois a ringlón seguido tocará o importante que é a substitución das columnas por outras novas e aquí o Concello e a nova propiedade teremos moito que dicir, e despois finalmente tocará o máis ambicioso que será a súa rehabilitación. O Concello deberá defender a súa parte e aquí a Xunta terá unha oportunidade magnífica para brindarnos o seu apoio económico”.

O alcalde insistiu en que “agora o máis importante é o que estamos a facer hoxe e mañá, apuntalala para evitar un colapso total e que provoque desgracias persoais”.

Exit mobile version