Nota de prensa:
O CONCELLO INICIA AS OBRAS DA PRIMEIRA FASE DO SANEAMENTO DE TRASBAR
* O investimento desta actuación, de máis de 54.000 euros, consiste na construción dunha estación de tratamento e dunha primeira fase da rede de colectores de PVC, que conducirán as augas residuais desta parroquia
* O Goberno municipal cumpre así unha das súas principais apostas estratéxicas: o achegamento a todos os núcleos rurais da rede de saneamento
Cervo, 26 de febreiro de 2011.- O Concello de Cervo ven de iniciar as obras da primeira fase do saneamento da parroquia de Trasbar. Así o deu a coñecer hoxe o rexedor, Alfonso Villares.
O investimento desta primeira fase é de 54.000 euros. As obras consisten na instalación dunha estación depuradora no lugar das Donas, que tamén servirá para albergar a maquinaria e o pozo para toma de mostras; e a construción dun tramo da rede de colectores e de pozos de rexistro “que iremos ampliando en vindeiras fases ata cubrir a totalidade de vivendas deste núcleo” adiantou o rexedor. As obras están sendo realizadas pola empresa Industrias Xove e teñen un prazo estimado de execución de 6 meses.
Ao fío disto o alcalde subliñou que, “deste xeito poñemos fin pouco a pouco a un déficit en materia de infraestruturas que se estaba a dar nesta parroquia e cumprimos unha das principais apostas estratéxicas do Goberno municipal: o achegamento a todos os núcleos rurais da rede de saneamento”.
Aposta decidida
O Concello de Cervo vén de executar nos últimos anos un importante esforzo na mellora e xeneralización da rede de saneamento en todo o seu termo municipal, “especialmente naquelas que, recibidas como herdanza do anterior goberno socialista, -que privatizou o servizo municipal de augas de xeito irregular como quedou demostrado nos tribunais- se atopaban nun estado obsoleto e con múltiples deficiencias”.
Os investimentos nesta materia está sendo unha aposta decidida do Goberno local. Así por exemplo, reforzouse o cadro de persoal da brigada de obras encargada das reparacións e mantemento de toda a rede de colectores, tanto de augas residuais como da rede de augas potables. Xunto a iso, acometéronse os saneamentos dos núcleos de poboación de Gondrás, A Venta, O Guioncho e Cervo. A estas actuacións hai que engadir tamén outros proxectos que se están a levar adiante no municipio como son a rede de abastecemento conxunta para Cervo e Burela, ou o saneamento integral de San Ciprián.